O PP DE ARBO INSTA AOS INDEPENDENTES A UN ACTO DE RESPONSABILIDADE E DEVOLVER Á VECIÑANZA UN GOBERNO DO PARTIDO POPULAR
- Os populares acadaron este domingo a maioría absoluta en Arbo incrementando o resultado en 5 puntos por riba do rexistrado en 2009, “unha mostra de confianza e apoio depositados unha vez máis polos veciños”
- A forte caída dos sufraxios do BNG amosan o castigo dos arbenses ao actual Bipartito do cal son cómplices os independentes, “quen agora teñen na súa man o desexo claro de todos os veciños: un Goberno do Partido Popular”
Arbo, 23 de outubro de 2012.- O Partido Popular de Arbo vén de constatar a súa confianza polos veciños do municipio o pasado domingo. É e que o PP acadou no municipio a maioría absoluta co 58.22% dos votos, incrementado esta cifra en 5 puntos máis da rexistrada nos pasados comicios autonómicos de 2009 e superando tamén incluso a conseguida nas eleccións xerais celebradas o pasado novembro de 2011.
O voceiro do PP local Horacio Gil, integrante ademais da lista popular na provincia de Pontevedra, cualifica os resultados “de moi positivos, confirmándose así a confianza e o apoio depositados unha vez máis pola veciñanza no Partido Popular”. Os populares arbenses apuntan tamén que estes datos “son unha mostra do castigo para os nacionalistas que están ao fronte do Concello de Arbo, unha resposta clara de todos os veciños ás súas actuacións de pago de favores, despilfarro, compra de vontades, deterioro nos servizos públicos, o castigo a torpedear obras de outras administracións que se deberían estar executando en Arbo e demais irresponsabilidades que levan cometendo ao longo do último ano e medio”.
Neste sentido, dende o PP de Arbo lanzan tamén unha mensaxe aos independentes que gobernan o Bipartito e “é que teñen agora nas súas mans o desexo claro de todos os veciños de Arbo: un Goberno do Partido Popular”, polo que os instan, nun acto de responsabilidade e de lóxica, “a devolverlle a Arbo o que sempre tivo e deixar de ser cómplices dun Bipartito que non sabe exercer as súas competencias e que a veciñanza castigou duramente na xornada electoral do pasado domingo cunha gran derrota nos resultados”.
Os populares non só apuntan a súa ampla maioría absoluta senón o gran descenso rexistrado polo BNG que pasou de obter en 2009 o 21.13% dos votos a acadar agora tan só 13.19% o que supón unha caída de 8 puntos, ao igual que tamén descenderon os sufraxios conseguidos polo PSOE en 7 puntos.