PORTOS DE GALICIA INVISTE MÁIS DE 50.000 EUROS NA MELLORA DAS INSTALACIÓNS PORTUARIAS DE AGUETE, EN MARÍN
O presidente do ente público visitou esta mañá as obras de construcción dunha nave para usuarios
- O organismo portuario estima que a nova instalación poida estar rematada antes do Nadal
Santiago, 30 de outubro de 2012.- Portos de Galicia está a traballar na mellora das dotacións para as instalacións portuarias do peirao de Aguete, no municipio pontevedrés de Marín. Así o confirmou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita ás obras que se están a executar na zona.
O presidente do ente público comprobou o estado dos traballos de construcción dunha nave que dará servizo aos usuarios para almacenaxe de material e sede das actividades marítimo deportivas que se desenvolven na zona. Así mesmo, disporá de espazos comúns para actividades de caracter formativo e social.
As obras, iniciadas en días pasados, teñen un prazo de execución de dous meses, polo que Durán Hermida anunciou que o seu departamento espera que poidan estar rematadas antes do vindeiro Nadal.
A nova instalación consta dun corpo rectangular cunha superficie total de preto de 80 metros cadrados. O edificio contará cunha cuberta plana, paredes de granito e acabado exterior en formigón, pola parte do espaldón e deixará unha abertura acristalada na cara que dá ao peirao.
Esta actuación dá resposta a unha petición reiterada por parte dos colectivos de usuarios da zona que levan a cabo a súa actividade neste porto. A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, está a investir nesta dotación máis de 50.000 euros e a súa xestión posterior corresponderá ao Concello de Marín.