Novacaixagalicia pon en marcha un programa para mellorar a xestión das ONG do terceiro sector

 Innovación, cooperación e formación constitúen os piares do foro

I        O proxecto é o resultado de dez anos de traballo da caixa coas ONG galegas

07.11.2012. Novacaixagalicia presentou esta mañá o seu Foro Socialia de Innovación e Calidade Social, unha iniciativa da entidade destinada a mellorar a xestión das ONG galegas de acción social. O programa nace co obxectivo de servir de apoio a este sector nun momento en que aumentan as necesidades das persoas que están en situación vulnerable e diminúen os recursos tanto públicos como privados. Neste sentido, Pedro Otero Espinar, xerente de Novacaixagalicia, afirmou durante a rolda de prensa que «á dura realidade político-económica que debemos afrontar como cidadáns, hai que engadir outras manifestacións da crise relacionadas con aspectos máis sociais: Galicia, e España no seu conxunto, fóronse atopando desde 2008 cunha elevada porcentaxe da súa poboación en situación de pobreza. Así é que esta recesión ten uns efectos específicos no terceiro sector, que viviu durante a última década un período de expansión ao abeiro do crecemento da economía e da expansión dos orzamentos públicos» e continuou sinalando que «esta combinación de contracción económica en plena etapa de crecemento do sector é a característica máis relevante da especificidade da situación actual neste ámbito». Ademais, destacou que «Novacaixagalicia veu dando apoio ao sector desde hai máis de dez anos, e hoxe continuamos implicados, e perante as dificultades, máis ca nunca, na procura de solucións ante as necesidades deste sector».

O programa Socialia de innovación e calidade ofrece apoio a estas entidades en tres áreas de traballo fundamentais para a súa xestión: a formación e asesoría, as solucións tecnolóxicas e os grupos de traballo e innovación. Trátase de compartir experiencias e boas prácticas para atopar alternativas de organización innovadoras a través da cooperación.

Primeiro software específico para ONG

Dentro desta iniciativa, Novacaixagalicia crea, a través dunha alianza coa empresa galega MN Program, líder do sector do software CRM, o primeiro programa deseñado especificamente para este sector: o CRM Socialia-MN, unha solución tecnolóxica a medida das necesidades das ONG. O Foro Socialia de Innovación aproveitou ferramentas xa desenvolvidas para o ámbito empresarial, sacou partido das áreas coincidentes co non lucrativo, realizou as adaptacións pertinentes, centrou os esforzos no desenvolvemento das áreas específicas como o voluntariado, os plans individuais, usuarios de servizos, etc. En palabras do director xeral de MN Program, Gerardo Rodríguez Darriba, «con este proxecto pretendemos achegar a nosa experiencia e poñela ao servizo dunha iniciativa social en momentos de crise».

A Fundación Adcor foi a encargada de testar esta ferramenta velando por que esta se adaptase ás necesidades particulares de cada organización, unha das vantaxes que achega este sistema, segundo destacou na presentación a xerente desta fundación, Margarita Garrido, para quen é esencial poder contar con ferramentas eficaces como esta «de fácil manexo e que permiten mellorar a xestión e economizar recursos».

As ONG do foro terán acceso gratuíto a este programa e á formación necesaria para a súa implantación. O sistema estará vinculado ao portal http://www.socialia.org, o que lles permitirá ter acceso á información sobre subvencións, formación, lexislación, eventos, etc. Doutra banda, MN, dentro da súa política de RSC, vai destinar unha parte dos ingresos a mellorar o produto e reservará, así mesmo, outra porcentaxe para colaborar con Novacaixagalicia no desenvolvemento e mantemento dos programas destinados ao fortalecemento das ONG de acción social.

O foro ofrece tamén programas de formación e asesoría personalizados para cada ONG participante, orientados a realizar unha reflexión estratéxica que defina o rol de futuro que estas entidades queiran ou poidan asumir, para que lles axude a definir as súas prioridades e a potenciar a especialización. O terceiro ámbito que se desenvolve neste programa está centrado na innovación. Integrantes das ONG que participan no proxecto e expertos do campo empresarial compartirán experiencias para realizar propostas que plasmarán en documentos que estarán a disposición de todas as entidades do foro e doutras ONG ou calquera outra institución interesada. Con este fin, Novacaixagalicia habilitou unha Biblioteca Virtual que arrinca con exemplos de boas prácticas de xestión das ONG que participaron nos programas de Socialia desde o ano 2005.

Os antecedentes

O apoio ás ONG de Acción Social é e foi desde hai máis de dez anos unha das prioridades estratéxicas da Obra Social de Novacaixagalicia.

O terceiro sector social viviu un período de moderado crecemento nas dúas últimas décadas. Durante ese tempo, as ONG que o compoñen maduraron organizativamente, gañaron dimensión e visibilidade, ampliaron servizos, lograron unha fluída interlocución coas administracións públicas, que atoparon nelas un socio crucial para o desenvolvemento de políticas sociais. Novacaixagalicia, desde o seu programa Socialia, acompañounas nese percorrido, proporcionoulles a formación e as ferramentas que necesitaron para adaptarse a ese crecemento.

Desde 2005 ata a actualidade, Socialia Calidade fai posible que 60 ONG presten servizos a máis de 40.000 persoas en Galicia. Esas entidades lograron, paralelamente, importantes melloras na súa xestión e comprometéronse a prestar servizos de calidade, recoñecidos polas certificacións ISO 9001 e polos selos EFQM.

O momento actual, caracterizado por continuos cambios de reorganización social e reestruturación económica e financeira, presenta consecuencias importantes para este terceiro social: hai un incremento da demanda de apoio por parte das persoas en situación de vulnerabilidade social que se ve agravado pola debilitación do sector público e das políticas sociais. Neste escenario, as ONG teñen un papel relevante, deben canalizar as demandas sociais fronte ás reformas regresivas para a cohesión social e abordaren as consecuencias que estas teñen sobre o incremento nos niveis de pobreza. Ademais, estas novas necesidades sociais implican un cambio de prioridades nas liñas de financiamento, que ameazan a supervivencia de moitas destas organizacións.

 

Ante todas estas novas circunstancias, e para xestionar o cambio e procurar novas solucións e oportunidades, a caixa galega expón o Foro Socialia de Innovación e Calidade Social.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: