XUVENTUDE PARTICIPA NUN SEMINARIO INTERNACIONAL SOBRE O USO DOS CARNÉS XOVES EUROPEOS PARA FACILITAR A MOBILIDADE DA MOCIDADE

  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participa hoxe nun seminario internacional organizado pola Axencia Nacional Española do programa Xuventude en Acción
  • A Comisión Europea planifica desenvolver unha Tarxeta de Xuventude en Movemento que permita e facilite a mobilidade dos mozos no territorio da UE
  • O carné xove conta na actualidade con 54.375 titulares e máis de 2.500 establecementos adheridos en Galicia

Madrid, 13 de decembro de 2012.- O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participa hoxe en Madrid nun seminario internacional organizado pola Axencia Nacional Española do programa Xuventude en Acción, onde se abordarán os novos métodos e solucións para o uso dos carnés xoves europeos como ferramenta que facilite a mobilidade dos mozos.

No marco do chamado crecemento intelixente, a Comisión Europea ten establecido como un dos emblemas da Estratexia Europa 2020 a iniciativa ‘A Xuventude en Movemento’. Con ela  preténdese favorecer a mobilidade, co obxectivo de mellorar a educación, formación e capacidades dos mozos a través do coñecemento doutras experiencias, culturas e oportunidades de traballar ou estudar en calquera Estado membro da UE.

Como buque insignia de ‘Xuventude en Movemento’, a Comisión Europea planifica desenvolver unha Tarxeta de Xuventude en Movemento (Youth on Move Card) que permita e facilite a mobilidade dos mozos no territorio da UE.

Tendo en conta a estreita relación desta idea co Carné Xove que xestionan as comunidades autónomas, a finalidade do seminario é coñecer máis de preto a iniciativa Youth on the Move card de man da Comisión Europea, establecer exemplos do uso do carné xove como ferramenta para facilitar a mobilidade e intercambiar boas prácticas e ideas sobre cómo impulsar o carné xove en España.

O carné xove conta na actualidade con 54.375 titulares e máis de 2.500 establecementos adheridos en Galicia. A través deste carné, os mozos e mozas poden obter descontos nunha ampla gama de servizos, como transportes, espectáculos, compras, aloxamentos, actividades culturais ou de lecer e tempo libre, tanto na nosa Comunidade autónoma como no resto de rexións españolas e na maioría de países europeos.

En concreto, a mocidade galega pode acceder aos beneficios que se ofrecen en 40 países europeos nun número de establecementos que rolda os 100.000 en toda España.

Os mozos e mozas de 12 a 30 anos, ambos inclusive, interesados en obter este documento de uso persoal e intransferible só teñen que cubrir un impreso de solicitude, acreditando a identidade co DNI ou pasaporte, pagar 6 euros mediante o impreso de taxa e achegarse a calquera das oficinas expendedoras do carné xove: servizos de xuventude e voluntariado provinciais; oficinas locais de Ferrol e Pontevedra; Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Santiago de Compostela; as oficinas municipais de información xuvenil; casas da xuventude e algunhas oficinas de Novagaliciabanco.

O carné ten unha vixencia de dous anos a partir da data de expedición (e sempre sen superar os 30 anos, inclusive). Ademais, os posuidores do carné xove contan cun seguro de balde que cubre o maior número de continxencias posibles nos desprazamentos para poder facer fronte aos imprevistos que poidan xurdir nas viaxes.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: