A REDE EUSUMO DE FOMENTO DO COOPERATIVISMO CONTA XA CON 22 PUNTOS DE ASESORAMENTO EN GALICIA
- O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, inaugurou hoxe a xornada “Cooperar, unha opción con futuro”
- Na súa intervención, destacou a creación da Rede Eusumo, o primeiro entramado específico de servizos de promoción e asesoramento destinado á economía social na comunidade autónoma
- Os principais obxectivos da Rede son a posta en marcha de novos proxectos cooperativos, así como consolidar as empresas de economía social xa existentes mediante a mellora da súa competitividade
- Ao longo desta lexislatura déronse de alta en Galicia 168 novas cooperativas, un 75 por cento máis que na lexislatura anterior
Santiago, 18 de decembro de 2012.- A rede Eusumo de fomento do cooperativismo, promovida e creada pola Consellería de Traballo e Benestar, conta xa con 22 puntos de asesoramento en Galicia. Estes centros e oficinas de fomento cooperativo foron postos en marcha mediante a colaboración con distintas entidades e agrupacións de concellos.
O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, inaugurou hoxe en Santiago a xornada “Cooperar, unha opción con futuro”. Na súa intervención, centrouse na creación da rede Eusumo, o primeiro entramado específico de servizos de promoción e asesoramento destinado á economía social na comunidade autónoma. Neste sentido, lembrou que en novembro aprobouse o decreto que permite consolidar e ampliar este programa, ao tempo que lle outorga un carácter estable.
Os principais obxectivos desta rede son a posta en marcha de novos proxectos cooperativos, como motores da creación de emprego; e, por outra banda, a consolidación das empresas de economía social existentes mediante a mellora da súa competitividade.
Para acadar estas metas, a rede ocúpase de achegar información e asesoramento especializado a desempregados, cooperativistas, emprendedores e cidadanía en xeral, prestando especial atención aos procesos de acompañamento de proxectos.
As entidades colaboradoras da rede son, e serán, aquelas que teñan interese no desenvolvemento da economía social, no apoio ao emprendemento ou no desenvolvemento local, e que poñan a disposición da rede Eusumo algún dos medios e recursos dos que dispoñan, tales como infraestruturas e servizos.
Poderán ser entidades colaboradoras desta Rede as administracións públicas; as asociacións de cooperativas e de sociedades laborais; as sociedades cooperativas galegas; as fundacións e asociacións; as universidades -a través dos seus centros colaboradores-; as cámaras de comercio e outras entidades sen ánimo de lucro.
Unha das características do modelo de funcionamento da Rede é o feito de que explora no territorio, tratando de atopar espazos de oportunidade. Este traballo realízase a partir de entrevistas e contactos con diferentes axentes e coa conformación de grupos de traballo. Nestes grupos analízanse as potencialidades do sector, preséntanse as fórmulas da economía social para apreciar en que medida poden adaptarse ao mesmo e realízase formación práctica en habilidades de traballo en equipo e participación.
Os servizos sociais e a atención a persoas en situación de dependencia son un dos eidos potenciais de creación de emprego en Galicia. En liña coa potenciación destes sectores, a Rede Eusumo ofrece un apoio específico para fomentar empresas de economía social nos mesmos.
Proba de que -como é o lema da xornada- as cooperativas son unha “opción con futuro” é que ao longo desta lexislatura déronse de alta en Galicia 168 novas cooperativas, cun total de 4.106 socios. Isto supón un incremento do 75% en relación coas cooperativas creadas na lexislatura anterior, e un incremento do 109% en relación co número de socios.
Xornada sobre cooperativas
Ademais da rede Eusumo, as xornadas que se están a celebrar hoxe abordan outros temas de interese no eido cooperativo. Entre outros asuntos, estase a tratar a dinamización do emprego e o impulso á internacionalización, a través de proxectos como o Coopera +, da Xunta de Galicia.
Outras ponencias e mesas técnicas están a centrarse en temas como as oportunidades cooperativas fronte á crise; a internacionalización, tamén para as pequenas empresas; ou ferramentas para a comercialización a través de aplicacións TIC para o fomento do e-commerce.