PRETO DO 100% DOS 900 CURSOS DE FORMACIÓN PARA DESEMPREGA​DOS DE 2013 PERMITIRÁN OBTER CERTIFICAD​OS DE PROFESIONA​LIDADE

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, explicou hoxe en rolda de prensa as principais liñas de formación para desempregados
  • En total, destínanse a estas actuacións un total de 40 millóns de euros, das que se beneficiarán uns 14.000 alumnos
  • Estas accións formativas, segundo os últimos datos, acadan unha inserción laboral do 40 por cento
  • Comezarán a impartirse en marzo e prolongaranse durante todo o ano
  • A esta partida súmanse os 6 millóns de euros que se invisten na programación para ocupados

Santiago, 21 de xaneiro de 2013.- Preto do 100 por cento dos 900 cursos para desempregados programados para 2013 permitirán a obtención dun certificado de profesionalidade, unha aposta que foi consensuada e acordada no seo do Diálogo Social. Os certificados son de validez estatal, e acreditan os coñecementos dos alumnos dun xeito oficial e recoñecido tanto en Galicia, como no resto do Estado.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, explicou hoxe en rolda de prensa as principais liñas de formación para desempregados que se levarán a cabo ao longo deste ano. En total, en 2013 destinaranse máis de 40 millóns de euros a formar a 14.000 galegos e galegas en situación de desemprego.

Estes 40 millóns divídense en dous programas. Por un lado, a orde que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) dotada con 36,3 millóns de euros. Permitirá o financiamento de 800 accións formativas e chegará a 12.000 persoas. Estas actividades desenvolveranse a través de diferentes entidades e axentes sociais. Comezarán a impartirse en marzo e prolongaranse durante todo o ano.

A esta orde hai que engadirlle os 4,1 millóns de euros que se investirán nos cursos que se imparten en centros propios da Consellería de Traballo e Benestar. Neste caso, trátase de 125 accións, que chegarán a 1.900 traballadores en situación de desemprego.

Cómpre lembrar que, ademais da programación para desempregados, este ano mantense a partida destinada ás liñas formativas para ocupados, que será de 6 millóns de euros.

Este investimento inscríbese na aposta do Goberno galego pola formación “como ferramenta para a mellora da empregabilidade dos nosos traballadores”,  explicou Mato, quen incidiu en que deste xeito permítese aos beneficiarios “aumentar de xeito significativo as súas posibilidades de acceder a un posto de traballo”.

Estas partidas blíndanse en 2013 cun triplo obxectivo: ofrecer unha programación calidade, para contar con traballadores máis preparados e conseguir empresas máis competitivas; deseñar uns cursos adecuados ás necesidades reais do mercado laboral para acadar unha maior efectividade á hora da inserción laboral; e vincular estas actuacións á obtención de certificados de profesionalidade.

Estes tres obxectivos xa marcaron a filosofía destas políticas durante a anterior lexislatura. De feito, máis de 30.000 galegos e galegas obtiveron certificados de profesionalidade nos últimos catro anos.

“Esta aposta polo formación ofrece, ademais, uns resultados moi positivos á hora de atopar un posto de traballo”, resaltou a conselleira. Os últimos datos correspondentes ao curso 2011-2012 amosan unha inserción laboral do 40 por cento por parte dos alumnos destas accións formativas.

Este estudo tamén indica cales son as especialidades con maior demanda de traballadores. Así, o certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes acada un 60 por cento de inserción.

Os datos por familias profesionais –no curso 2010-2011, que é o último dato desglosado dispoñible- reflicte as seguintes cifras: enerxía e auga (54%); instalación e mantemento (53%); actividades físicas e deportes (53%); fabricación mecánica (53%); servizos socioculturais e á comunidade (52%);e transporte e mantemento de vehículos (51%).

Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia

Por outra banda, Mato fixo fincapé en que outro xacemento de emprego actual é o relacionado coas novas tecnoloxías. Lembrou que a Consellería conta cun centro de formación de referencia nesta materia: o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG).

O pasado ano o CNTG ofreceu un total de 58 cursos, nos que participaron preto de 900 alumnos (o 42,6% eran desempregados). Isto supón un incremento de 150 beneficiarios sobre 2011, un 20 por cento máis.

 

O nivel de inserción supera o 51 por cento entre os desempregados. En 2012 recibíronse máis de 6.000 solicitudes para as 900 prazas.

 

Xa para rematar, Mato adiantou que o departamento autonómico “seguirá apostando polas políticas activas de emprego e, por iso, no 2013 imos ampliar nun 4 por cento o noso investimento nesta materia”.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: