CONFERENCIA DO ESCRITOR FRANCISCO CASTRO – Vigo
LEONARDO E VERNE:
SOÑADORES DO FUTURO
29 de xaneiro ás 20 h. na Casa do Libro de Vigo
Mañá, martes 29 de xaneiro e como actividade complementaria ao certame Inspiraciencia, promovido polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), terá lugar en Vigo a charla “Leonardo e Verne, soñadores do futuro”, impartida polo escritor Francisco Castro.
A conferencia enmárcase no ciclo de charlas “INSPIRACIENCIA Pasados, presentes e futuros da ciencia na literatura”, organizadas polo CSIC coa colaboración de diversas entidades en diferentes cidades de España, no marco do certame Inspiraciencia, entre outras, a Editorial Galaxia.
O certame, organizado pola Delegación do CSIC en Cataluña e o Instituto de Ciencia dos Materiais de Barcelona coa colaboración da Vicepresidencia Adxunta de Cultura Científica do CSIC e o patrocinio da FECYT-MINECO, conta en Galicia co apoio da Delegación do CSIC e de catro institutos de investigación do Consello (a MBG, o IIM, o IIAG e o Incipit), ademais da Editorial Galaxia.
O obxectivo da conferencia de mañá é dar presenza física á terceira edición do certame de relatos e microrrelatos Inspiraciencia, cuxo prazo de presentación está aberto até o 10 de marzo a través da web http://www.inspiraciencia.es, así como ofrecer algunhas claves dos puntos de confluencia da ciencia e a literatura.
O prazo de presentación de relatos está aberto até o 10 de marzo a través da páxina web http://www.inspiraciencia.es. Pode participar o público xuvenil (12-17 anos) e adulto (a partir de 18 anos) con textos en castelán, galego e catalán
O CONFERENCIANTE
Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix).
É autor, entre outras obras, de Xeración Perdida, Un bosque cheo de faias (Premio Frei Martín Sarmiento), Spam (Premio Branco Amor de novela en 2005), e Chamádeme Simbad, entre outras.
BASES DO CERTAME
Os interesados en participar en Inspiraciencia poden facelo en dúas categorías: unha para o público xuvenil (12-17 anos) e outra para o público adulto, a partir de 18 anos.
Os textos poden estar escritos en castelán, galego e catalán e pódese participar cun relato curto (800-15.000 palabras) ou microrrelatos (máximo 500 palabras).
O xurado do concurso, integrado por figuras recoñecidas dentro do mundo científico e da cultura, outorgará un premio institucional por categoría. Ademais, concederase un premio do público ao relato ou microrrelato máis votado polos internautas a través da páxina web.