Traballo Benestar galicia
MATO REÚNESE CON AUGA-UPTA PARA AVALIAR A SITUACIÓN DOS AUTÓNOMOS E MOSTRAR O APOIO DO GOBERNO GALEGO A ESTE SECTOR
- Nos orzamentos da Consellería de Traballo e Benestar para 2013 se destinan máis de 25 millóns de euros aos autónomos e emprendedores, un 1 por cento máis que en 2012
- Ao longo da pasada lexislatura, investíronse nesta área máis de 122 millóns de euros, que beneficiaron a máis de 18.000 autónomos e emprendedores
- Beatriz Mato lembrou que neste trimestre constituirase o Consello Galego do Traballo Autónomo, que permitirá ao Goberno autonómico coñecer de primeira man as inquedanzas, opinións e suxerencias das asociacións profesionais que representan á gran maioría do traballadores autónomos
- O secretario xeral de Autónomos de Galicia (AUGA-UPTA), Lisardo Rodríguez, avanzou á conselleira a próxima creación da Cátedra Extraordinaria do Traballo Autónomo na USC, a única existente en Galicia e a segunda que se constitúe en España
Santiago, 4 de febreiro de 2013.- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, reuniuse hoxe co secretario xeral de Autónomos de Galicia (AUGA-UPTA), Lisardo Domínguez, para interesarse polo estado deste colectivo e mostrar o apoio do Goberno galego ao sector.
Este respaldo reflíctese nos orzamentos do departamento autonómico para 2013, nos que se destinan máis de 25 millóns de euros aos autónomos e emprendedores, un 1 por cento máis que en 2012. Ao longo da pasada lexislatura, investíronse nesta área máis de 122 millóns de euros, que beneficiaron a máis de 18.000 autónomos e emprendedores.
Beatriz Mato lembrou que neste trimestre constituirase o Consello Galego do Traballo Autónomo, que permitirá ao Goberno autonómico coñecer de primeira man as inquedanzas, opinións e suxerencias das asociacións profesionais que representan á gran maioría do traballadores autónomos.
Coa creación do Consello Galego do Traballo Autónomo culminará todo o proceso normativo en Galicia do desenvolvemento do Estatuto do Traballo Autónomo (Lei 20/2007, do 11 de xullo). Este será o órgano consultivo do Goberno de Galicia nas materias que afecten ás persoas traballadoras autónomas.
Así mesmo, Lisardo Rodríguez avanzou á conselleira a próxima creación da Cátedra Extraordinaria do Traballo Autónomo na USC, a única existente en Galicia e a segunda que se constitúe en España.
XUVENTUDE ORGANIZA 165 OBRADOIROS SOBRE O USO CORRECTO DAS REDES SOCIAIS PARA ALUMNOS DE SECUNDARIA DE TODA GALICIA
- O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe nesta iniciativa, que tivo lugar no Instituto de Educación Secundaria Eduardo Pondal de Santiago
- Está previsto que poidan participar preto de 10.000 alumnos neste proxecto chamado ‘Convivencia nas redes sociais’
- Nalgúns destes obradoiros, como é o caso do Eduardo Pondal, os técnicos do Quérote + contan coa colaboración de funcionarios dos departamentos de investigación de delitos tecnolóxicos da Policía Nacional e da Garda Civil, que informan aos alumnos do que son este tipo de delitos e de cómo se poden denunciar
- Mañá, día 5 de febreiro, celébrase o Día Internacional de Internet Seguro, unha xornada para promover o uso responsable de internet
Santiago, 4 de febreiro de 2013.- Os centros Quérote+, dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar organizan o obradoiro ‘Convivencia nas redes sociais’ de 100 minutos de duración e que se vai impartir nas clases de 3º da ESO de 165 institutos de toda Galicia. Está previsto que poidan participar preto de 10.000 alumnos.
O director Xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe nesta iniciativa, que tivo lugar no Instituto de Educación Secundaria Eduardo Pondal de Santiago. Mañá, día 5 de febreiro, celébrase o Día Internacional de Internet Seguro, unha xornada para promover o uso responsable de internet. Rodeiro indicou que “a día de hoxe a mocidade convive a través de internet, crean e afianzan vínculos, buscan información, comparten imaxes, xogan, estudan, e moitísimas cousas máis. As actuais son xeracións dixitais ou tecnolóxicas, xeracións de rapaces e rapazas que naceron xa inmersos nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación”.
A relación entre a xente nova e internet é “intensa”, pero isto non supón que saiban facer un uso responsable das mesmas, polo que se fai necesario atender esta realidade e falar deste tema nas aulas e outros espazos xoves.
Dende os centros Quérote+ vense traballando con esta temática nas aulas dos centros de ensino de toda Galicia. A través destes obradoiros, foméntase na mocidade o uso responsable de internet, poñendo o acento nas redes sociais.
A través da reflexión trabállanse os beneficios que se poden obter co seu uso, e facendo visibles os posibles riscos aos que se poden ver expostos. Involúcrase aos mozos e ás mozas na construción e uso de ferramentas que garantan a seguridade e a preserven a súa intimidade na Rede.
Tamén se traballa nos comportamentos non adecuados a través das redes sociais, a fin de previr e evitar na medida do posible casos de Cyberbullying entre os alumnos.
É frecuente que nos obradoiros para o alumnado de 3º da ESO haxa mozos e mozas que conten con máis de 500 amigos nos seus perfís das redes sociais, que teñan publicadas máis de 3.000 imaxes, e que compartan os seus contrasinais con outras persoas.
De aí que teña unha gran relevancia a información e a formación no uso destas ferramentas, que teñan espazos onde poder consultar tódalas dúbidas que lle xurdan sobre este tema, así como que saiban a quen poder acudir en caso de atoparse con algunha dificultade.
Nas formacións que ofrecen os centros Quérote+, ademais de dar información, búscase que coñezan tamén un espazo de referencia no que poder formular as dúbidas, curiosidades, preocupacións ou dificultades que lle xurdan en relación a este tema.
Unha das actividades coas que se traballa co mocidade neses obradoiros é que identifiquen certos comportamentos que poden ter no uso de internet como inseguros (vermello), mellorables (laranxa) ou seguros (verde).
Entre os comportamentos vermellos estarían o de deixar sesións abertas nun equipo de acceso público; dar o número de teléfono ou calquera outro dato persoal por Internet, para un fin descoñecido ou por unha vía non segura; ou descargar arquivos de orixe descoñecida ou non fiable. Os comportamentos mellorables son empregar sempre o mesmo contrasinal, aceptar condicións de uso sen mirar ou ter o Bluetooth continuamente activado.
En algúns destes obradoiros, como é o caso do Eduardo Pondal, os técnicos do Quérote + contan coa colaboración de funcionarios dos departamentos de investigación de delitos tecnolóxicos da Policía Nacional e da Garda Civil, que informan aos alumnos do que son este tipo de delitos e de cómo se poden denunciar.