BNG Vigo
Iolanda Veloso salienta que a incorporación dunha concelleira non electa indica que o goberno local “está afogado”
Vigo, 5 de febreiro de 2013.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, salientou que a remodelación do goberno vigués, coa incorporación dunha concelleira non electa indica que se trata dun “goberno que está afogado”. Para a nacionalista, “existe un grave problema de xestión, tal e como o demostra que teñan que darlle unha volta ao goberno á metade de mandato”.
Iolanda Veloso asegurou que dende o BNG “non vemos ningún criterio claro que explique esta remodelación polo que non temos claro que vaia funcionar”. Segundo a portavoz municipal do Bloque “está claro que o goberno está asfixiado, chega á metade de mandato cun novo orzamento e non se ve capaz de xestionar”.
A nacionalista criticou diversos aspectos da composición do novo goberno vigués. Por unha banda, criticou que a nova concelleira non electa sexa precisamente para educación. “O ensino debería ser unha área atendida e mimada dende o inicio do mandato e non parece moi propio dun goberno de esquerdas que a titular sexa unha concelleira non electa con dedicación parcial”, salientou.
“Pero non só educación non funcionaba, tampouco funcionaba cultura e benestar”, apuntou Iolanda Veloso, quen considera que “máis sentido tería remodelar estas dúas áreas, co obxectivo de impulsar o seu funcionamento, e non que cultura a asuma un concelleiro que non ten dedicación exclusiva e xa leva industria”.
Menos peso das mulleres
Segundo a portavoz do BNG tamén resulta chamativo que con esta remodelación son as mulleres as que perden peso no goberno. Precisamente Raquel Díaz, Isaura Abelairas e Chus Lago deixan as áreas de educación, cultura e igualdade, respectivamente. Ao seu xuízo esta decisión vai da man da opción de unir benestar e igualdade. ”Nós sempre nos sempre nos opuxemos a esta visión da política, que por outro lado demostra a importancia que lle da o goberno a estas áreas”, destacou.
“Ideoloxicamente é incomprensible que tomen unha decisión semellante”, criticou Iolanda Veloso, para quen asemade é “incomprensible nun goberno que se di de esquerdas”. Considerou que, en definitiva, a remodelación amosa a “falta de capacidade de xestión” denunciada ao longo destes dous anos polo BNG.
O BNG apoia a folga estudantil contra o modelo educativo do PP e anima a participar na mobilización de mañá
Vigo, 5 de febreiro de 2013.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, manifestou que o Bloque Nacionalista Galego respalda a folga estudantil convocada para mañá, 6 de febreiro, contra o modelo educativo do Partido Popular. A nacionalista fai un chamamento a participar na mobilización que mañá ás 12 horas terá lugar na Praza de América baixo o lema “Non ao modelo educativo do PP. O ensino é un dereito e non un privilexio».
“Cómpre que toda a sociedade, e non só a mocidade, saia a rúa para evitar que o PP acabe co carácter público, universal e gratuíto do ensino e reforzando o seu papel españolizador”, salientou Iolanda Veloso. Ao seu xuízo, os recortes que está levando a cabo o Partido Popular no ensino público tanto na Xunta como no Ministerio a cargo de Wert “é unha decisión ideolóxica, preocupados especialmente por españolizar a educación”.
A portavoz nacionalista lembrou que os recortes do PP na Xunta están provocando xa a perda de centos de docentes en toda Galiza, así como a falta de dotación para facer fronte á atención á diversidade, ao reforzo educativo e ás necesidades educativas especiais, mentres aumenta os recursos que segregan aos nenos e nenas.
Por outra banda, e a respecto das últimas verbas do ministro de Educación, Iolanda Veloso considerou que é “inadmisible que alguén a quen se lle supón un certo interese pola formación e a cultura diga que os estudantes deben estudar en función do mercado laboral e non de seus gustos. Que tipo de monstros pretende crear?”.
“Uns e outros, en Galiza ou en Madrid, só buscan reducir a oferta educativa e volver ao sistema de ensino de hai trinta ou corenta anos”, apuntou, ao tempo que denunciou o esforzo de Feijoo e Wert no desmantelamento do ensino público.