CONDE SALIENTA QUE A NOVA REGULACIÓN DE HORARIOS COMERCIAIS BUSCA O EQUILIBRIO E A COMPETITIVIDADE DO SECTOR
O conselleiro destaca que a modificación da lei aprobada hoxe no Parlamento adapta a normativa galega ao novo marco estatal “facendo o maior esforzo posible na defensa e impulso do comercio de proximidade”
Posibilita unha oferta comercial completa, equilibrada e diversa para os consumidores Converte en máximos os mínimos permitidos pola normativa estatal tanto nos festivos de apertura como no horario comercial.
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a Lei de Modificación de Horarios Comerciais, que vén de ser aprobada polo Parlamento, é unha norma “adaptada ás necesidades de Galicia” e que busca o equilibrio entre os diferentes formatos comerciais existentes na comunidade.
Conde asegurou que a modificación da Lei de Horarios Comerciais de 2006 é “necesaria para definirnos dentro do novo marco lexislativo estatal”, establecido no Real Decreto-Lei 20/2012, e remarcou que desde a Xunta se fai “o maior esforzo posible na defensa e impulso do comercio de proximidade atendendo ás súas particularidades concretas”.
Neste sentido, o responsable de Economía e Industria recordou a transcendencia e as características propias do pequeno comercio na nosa comunidade, influíndo na calidade de vida dos galegos pola súa incidencia en aspectos como a vertebración territorial, a habitabilidade e seguridade das vilas e cidades, e no relativo á xeración de emprego.
O conselleiro tamén lembrou que, grazas ás políticas emprendidas pola Xunta e “ao esforzo e bo facer dos nosos comerciantes e empresarios”, o comercio galego presenta uns indicadores máis favorables que os do conxunto de España.
Por iso, tal e como asegurou Conde, a modificación da Lei de Horarios Comerciais busca “manter un equilibrio respectando o marco competencial estatal” e “posibilita unha oferta comercial completa e diversa para os consumidores”, convertendo en máximos os límites mínimos permitidos pola normativa estatal.
O conselleiro explicou que o pequeno comercio seguirá a gozar de liberdade horaria –sen límites de horas nin días de apertura–, e que coa modificación introducida pola normativa estatal esta liberdade será agora aplicable aos establecementos de ata 300 metros cadrados, fronte aos 150 metros cadrados actuais, coa excepción dos que pertenzan a grandes empresas ou grupos de distribución que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa.
O resto de establecementos incrementan de 8 a 10 os domingos e festivos de apertura autorizada ao ano. Tal e como explicou o conselleiro, “o Real Decreto estatal recolle un mínimo de 16 pero faculta ás autonomías a establecer un límite que nunca pode situarse por debaixo de 10, e na Xunta optamos polo mínimo posible, sendo sensibles co comercio de proximidade”.
No tocante ás horas máximas de apertura semanal permitidas, que ata agora en Galicia estaban fixadas en 72, a normativa estatal determina que non se poderán fixar por debaixo de 90 horas á semana, límite establecido na lei aprobada hoxe. “Non temos dúbidas de que o máis acaído para Galicia é, unha vez máis, lexislar no mínimo posible”, sinalou Conde.
Racionalización do réxime sancionador
Para homoxeneizar e racionalizar o réxime sancionador galego en materia comercial, na Lei aprobada hoxe tamén se equiparan as contías das sancións establecidas na Lei de Horarios Comerciais do 2006 coas recollidas na Lei do Comercio Interior de Galicia de 2010. “O noso obxectivo é evitar que infraccións leves poidan supoñer sancións que aboquen ao peche a un pequeno establecemento, e disuadir da reincidencia das infraccións graves, independentemente do tamaño do comercio”.
Así, redúcense as sancións para as faltas leves, como pode ser non expoñer o horario de apertura de forma visible ao público ou excederse no tempo de apertura por primeira vez, dun máximo de ata 60.000 euros ata un máximo de 1.500 euros. Ao mesmo tempo, as sancións para as faltas moi graves, que se centran na reincidencia nas graves, pasan dun máximo de 600.000 euros a poder alcanzar ata un millón de euros. Á hora de graduar o importe da sanción dentro dos marxes para cada tipo de sanción, seguiranse a aplicar criterios como a superficie do establecemento, o volume de vendas ou a pertenza a unha gran empresa ou grupo.