A XUNTA DE GALICIA REÚNESE COS ALCALDES DE BAIXO MIÑO PARA ESTUDAR A SITUACIÓN DO TRANSPORTE PÚBLICO NESTA ZONA
A Consellería xa abriu un período de información pública no que se recolleron alegacións de distintas entidades e, neste momento, o Goberno galego analiza a documentación obtida, co fin de resolver a situación
Santiago, 19 de decembro de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, mantivo hoxe unha reunión na Delegación Territorial da Xunta en Vigo con alcaldes de distintos concellos do sur da provincia de Pontevedra, co fin de informarlles do estado de tramitación das peticións formuladas por empresas de transporte público, en relación aos servizos de autobuses que ofrecen nalgunhas vilas.
A xuntanza, que foi presidida polo responsable de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente, Miguel Rodríguez Bugarín, tivo como obxectivo principal tratar as solicitudes de varias empresas de autobuses: ‘Atsa’, ‘Melytour’ e ‘Empresa Raúl’, nos concellos de Nigrán, Oia, Tui, O Porriño, Mos, Gondomar, Salceda de Caselas, Tomiño, A Guarda, O Rosal e Baiona, na que piden unha modificación concesional, co fin de reducir algúns servizos que se están ofrecendo, como consecuencia da baixada no número de viaxeiros.
O director xeral sinalou que o inicio destes procedementos de modificación das concesións por solicitude do concesionario está establecido pola Lei que regula este tipo de transporte público, polo que a Xunta de Galicia abriu un período de información pública no que se recolleron alegacións de asociacións, veciños, concellos e empresas. Neste momento, o Goberno galego está analizando toda a documentación que está a ser recibida, co fin de resolver esta situación.
Rodríguez Bugarín garantiu que a Xunta buscará a fórmula que permita ter unha maior oferta de servizos posible, de maneira que se satisfagan as necesidades dos cidadáns mantendo o dereito dos concesionarios. Para elo pediuse a colaboración dos concellos co fin de que acheguen cantas consideracións estimen oportunas, manifesten as súas necesidades e indiquen os servizos que resulten prioritarios para os seus cidadáns.