TRABALLO DESTINA 81.000 EUROS A UN PROGRAMA INTEGRADO PARA O EMPREGO EN REDONDELA QUE BENEFICIA A 60 PERSOAS DESEMPREGADAS
- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe esta iniciativa coa que se pretende acadar unha taxa de inserción de, como mínimo, o 30-35%, tanto a través do emprendemento como por conta allea
- En total, en toda Galicia están en marcha 20 Programas Integrados para o Emprego, cun orzamento de preto de 2 millóns de euros para as anualidades 2012-2013, e que contan con máis de 2.000 beneficiarios
- Beatriz Mato aproveitou para lembrar que o Goberno está a realizar un importante esforzo en materia social
- En concreto, no concello de Redondela destinaranse 123.000 euros ao Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes, e prestase atención a 109 persoas que a precisaban, a través da RISGA e as Axudas de Emerxencia Social
Redondela (Pontevedra), 25 de febreiro de 2013.- Un total de 60 traballadores e traballadoras do concello de Redondela (Pontevedra) en situación de desemprego estanse a beneficiar dun Programa Integrado para o Emprego na localidade que lles dará unha oportunidade para mellorar a súa empregabilidade e acadar a inserción laboral.
Este programa pretende crear un itinerario integral de inserción para as persoas desempregadas, combinando accións como a información, a orientación, o asesoramento, a formación, a práctica laboral ou a intermediación coas empresas.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe esta iniciativa e indicou que conta cun orzamento de 81.000 euros dos que o departamento autonómico achega 70.000 euros e o concello a cifra restante.
Os Programas Integrados para o Emprego están especialmente deseñados para axudar a mellorar a empregabilidade de persoas que están a atopar maiores dificultades para conseguir un posto de traballo. Neste caso, 15 son menores de 30 anos, 15 son mulleres, 10 son persoas desempregadas de longa duración e 10 son traballadores afectados por un ERE.
Con esta iniciativa preténdense acadar unha taxa de inserción de, como mínimo, o 30-35%, tanto a través do emprendemento como por conta allea. Para lograr ese obxectivo o Plan de Emprego de Redondela II está a traballar desde o pasado mes de setembro.
Actualmente estanse a desenvolver accións formativas especializadas en eidos como carretillero, operador de loxística, técnico de traballos verticais, tecnoloxías de fabricación básicas, ou caixeiro-repoñedor, entre outras. E, simultaneamente, téñense establecido contactos con empresas cara á realización de prácticas laborais e na procura do obxectivo final da inserción.
En total, en toda Galicia están en marcha 20 Programas Integrados para o Emprego (dez en colaboración cos concellos e dez con entidades sociais), cun orzamento de preto de 2 millóns de euros para as anualidades 2012-2013, e que contan con máis de 2.000 beneficiarios.
Beatriz Mato lembrou que esta iniciativa se enmarca na aposta do departamento autonómico pola mellora da empregabilidade e a formación das persoas desempregadas en Galicia. Un apoio que se está a facer tamén a través dos 43 obradoiros de emprego postos en marcha en toda Galicia no último trimestre, cunha inversión de 10 millóns de euros e que contan con máis de 1.300 beneficiarios.
Así mesmo, a Consellería de Traballo e Benestar investirá 40 millóns de euros na formación para o emprego de persoas desempregadas. Cursos con 14.000 beneficiarios, vinculados case nun 100% á obtención de certificados de profesionalidade.
De feito, a titular de Traballo apuntou que, malia o contexto económico adverso, nos orzamentos para 2013 increméntanse nun 4% as partidas destinadas ás políticas activas de emprego.
Apoio en materia social
Doutra banda, Beatriz Mato aproveitou para lembrar que o Goberno está a realizar un importante esforzo en materia social para dar resposta ás necesidades dos colectivos que maiores dificultades están a pasar por mor da crise.
En concreto, no concello de Redondela destinaranse 123.000 euros ao Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes, e prestase atención a 109 persoas que a precisaban, a través da RISGA e as Axudas de Emerxencia Social.
Así mesmo, a conselleira reiterou o compromiso da Consellería para colaborar co concello na posta en marcha dunha escola infantil pública para o ano 2014 de 61 prazas