COMUNICADO DE PRENSA DA ATESAD

Vigo, Venres 8 de marzo de 2013
A ATESAD de Galicia (Asociación de Titulado/as en Estudos Superiores de Arte Dramática)
formada por actores, actrices, directoras/es, dramaturg@s, escenógraf@s, investigadoras/es,
pedagog@s e xestores escénicos de Galicia quere manifestar o seguinte:
RECORTES ÁS ARTES ESCÉNICAS
1. Que o orzamento destinado ás Artes Escénicas pola Xunta de Galicia para o 2013 é de todo
insuficiente. 550.000 euros supoñen unha contracción do 47% no presuposto adicado á
dinamización do sector escénico do país con respecto a 2012. Este retroceso leva á destrución
directa de postos de traballo dos profesionais das artes escénicas, ao peche de industrias
culturais, ao empobrecemento na oferta de ocio e cultura dos concellos de Galicia, á recesión
económica do sector servizos asociado á actividade cultural das cidades, e a unha menor
recadación de impostos por parte da administración.Disminuíndo así considerablemente a
actividade económica do sector.
Consideramos que para dinamizar a economía, incentivar a creación de empresas, crear
emprego, apoiar a emprendedores culturais, proporcionar oportunidades aos mozos e mozas
desempregad@s e altamente formad@s con fondos públicos; en definitiva, para saír da recesión do
sector e crear riqueza económica e cultural, débese inxectar no tecido escénico galego unha
cantidade moi superior. Pola contra estarase decididamente afondado en tódolos problemas sociais,
económicos e culturais descritos no primeiro parágrafo deste punto. As axudas ao sector escénico de
Galicia non son parte do problema senón que son parte da solución para crear e consolidar
empresas, para crear emprego, dinamizar a economía e contribuir a sair da crise pola que atravesa a
sociedade galega.
Esta inxección de capital debérase procurar nos orzamentos adicados a contedores culturais
como a Cidade da Cultura – case que 4 millóns de euros ao ano dos contribuíntes tan só en
mantemento-. A súa xestión debe ser moito máis eficiente ou débese reducir considerablemente o
volume da mesma para adecuala á situación actual e ás necesidades reais dos cidadáns. Alo menos a
metade deste orzamento debería ser desviado á dinamización das industrias culturais galegas para o
seu desenvolvemento e para lograr unha descentralización da cultura do noso país.
DIRECCIÓN DA AGADIC
2. Denunciamos a indigna situación que atravesou a Axencia Galega Das Industrias Culturais
dende o mes de outubro de 2012 ata o 07 de marzo de 2013 na que foi nomeada, por fin, a nova
Dirección da mesma. Isto supuxo na práctica retrasos en tódolos procesos administrativos así como
a falta de resolución das políticas de impulso ao sector que son a esencia propia da súa existencia.
Lamentamos por tanto a desidia amosada polos culpables desta situación e facémolos responsables
directos da desaparición de centos de postos de traballo e decenas de empresas culturais que
dependen do normal funcionamento da AGADIC.
Damos a benvida, non obstante, a Don Jacobo Sutil Nesta como novo director da AGADIC,
e apremiámolo a recuperar a actividade catalizadora do sector escénico que a axencia viña
supoñendo. Sorprendémonos da decisión da Consellería de Educación e Cultura ao non escoller un
perfil máis achegado ao sector, dado que as circunstancias requiren dun profundo coñecemento das
dinámicas culturais e ampla experiencia na resolución de políticas culturais. Con todo, confiamos
na boa disposición da nova Dirección de cara ao diálogo cos axentes do sector e ofrecemos a nosa
colaboración en todo o que podamos resultar útiles.
SUBVENCIÓNS ÁS ARTES ESCÉNICAS
3. Cómpre convocar con urxencia as axudas ao sector escénico e aumentar a súa dotación
económica. As directrices europeas consideran ao sector cultural unha peza clave na recuperación
da crise económica, e así o demostra o plan Europa Creativa 2014-2020.
É necesaria, por outra banda, unha revisión profunda destas axudas para que cumpran o seu
obxectivo de catalizadoras da industria cultural. As axudas deberan ir destinadas a acompañar ás
empresas e profesionais nun proceso de emancipación da administración pública. Non deberan
converterse pois nun fin en si mesmas. Defendemos dende a ATESAD un redireccionamento das
subvencións cara a distribución.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios debe ser ampliada e dotada de máis orzamento;
débense abrir novas redes de distribución para atender á dispersión poboacional e ás distintas
realidades demográficas, así como favorecer a unha programación sistemática e contínua fronte a
unha puntual e intermitente. Insistindo pois nas ofertas que permitan facer “tempada” ou estar
varios días no mesmo espazo para que a cidadanía teña a oportunidade de escollelas como parte do
seu ocio cultural.
Asi mesmo é necesaria unha completa revisión dos baremos polos que se conceden as
axudas á produción, favorecer aos novo/as emprendedore/as culturais e afianzar a independencia
empresarial das compañías consolidadas. É necesario un sistema de subvencións que teña máis en
conta a creación de público, o esforzo das compañías por incrementar os ingresos a billetería. A
axuda económica da administración ás compañías debera ser en proporción inversa á antigüidade da
mesma, de tal modo que unha compañía que inexperta teña grande parte do caché cuberto pola
administración e unha pequena parte dependa dos resultados da billetería. No caso das empresas
máis experimentadas debera ser xusto ao contrario.
Unha política de axudas que teña en conta ás propostas de investigación, ás novas linguaxes
escénicas, aos estudos teatrais e ás novas dramaturxias. Que favoreza ás compañías residentes, que
potencie a competencia mediática das artes escénicas, aumentando a súa visibilidade cara a
sociedade a través de novas canles e cunha decidida inversión en márketing, promoción e
publicidade das mesmas. Consideramos tamén moi importante a difusión exterior das nosas artes
escénicas e fundamental a súa presenza en circuitos internacionais así coma no resto da península;
difusión que sintoniza coa visibilidade cultural de Galicia no mundo e favorece tanto á exportación
de produtos artísticos coma á promoción turística de Galicia.
Criticamos por tanto o salto ao baleiro da Consellería de Educación e Cultura da Xunta de
Galicia ao pretender cambiar o modelo de produción e distribución das Artes Escénicas
radicalmente dun exercicio a outro. Pedimos encarecidamente un Plan de Transición para o modelo
de negocio das industriais culturais de Galicia, para camiñar cara un modelo sostible e máis
autoxestionado. O sector cultural galego é un sector estratéxico na recuperación económica tal e
como apuntan as análises europeas e unha fonte de riqueza se se aplican as políticas axeitadas.
A ATESAD ponse á disposición da Consellería de Educación e Cultura e da AGADIC para
facer as achegas necesarias con respecto á política de axudas.
CENTRO DRAMÁTICO GALEGO
4. Que é necesario un reforzo orzamentario no Centro Dramático Galego para atender ás súas
finalidades. O CDG debera ser unha unidade de produción capaz de facer xira exterior cos seus
espectáculos e non só incursións esporádicas en Portugal. O CDG debe ser o escaparate da creación
teatral do noso país e debera poder producir espectáculos que ás compañías privadas lles sexa
inviable facer; é dicir, con elencos amplos e criterios non comerciais.Pola contra neste 2013 o CDG
vai producir de seu un espectáculo con cinco intérpretes e outro con catro; dimensións non
merecedoras da traxectoria e importancia da compañía pública galega.
PLATAFORMA GALEGA DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS
5. Queremos manifestar o noso apoio ás reivindicacións da Plataforma Galega das Artes
Escénicas e Musicais, así como a nosa solidariedade cos compañeiros e compañeiras que foron
botados do Parlamento e desaloxados da Cidade da Cultura de Galicia. Consideramos isto un
comportamento inaxeitado das Institucións Públicas que a todos pertencen e instámolas a
reflexionar e escoitar democráticamente ás voces do seus administrados/as.
Calificamos de insuficientes e de notable desinterese as respostas ofrecidas polo Secretario
Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na xuntanza mantida o 6 de Marzo coa Plataforma das Artes
Escénicas e Musicais, ao respecto da información verquida por esta en nota de prensa.
SUBIDA DO I.V.E. CULTURAL
6. O noso frontal rexeitamento á subida do I.V.E. cultural do 8% ao 21% xa no exercicio
anterior. Unha decisión nefasta para o conxunto da sociedade, lapidaria para a cultura en tódalas
súas manifestacións, e pouco intelixente a efectos recadatorios. Unha decisión ao noso entender
inexplicable e que desatende tódolos modelos imperantes nos países civilizados nos que se favorece
o acceso á cultura por parte da cidadanía e se incentiva a actividade económica neste sentido. Polo
tanto pedimos a inmediata reversión desta situación precisamente para poder sair da crise
económica na que vive o país e correxir a crise de valores pola que atravesa a nosa sociedade.
LIBRE ACCESO AOS ESCENARIOS PÚBLICOS DOS CREADORE/AS GALEG@S
7. Ante unha nova política de sostenibilidade emprendida por algúns concellos de Galicia que
leva aos xestores culturais dos mesmos a establecer taxas para o uso dos auditorios e escenarios
públicos, esiximos o libre acceso dos creadores e creadoras galegas aos espazos de exhibición
costeados cos impostos dos cidadáns. Esta medida supón un novo obstáculo para o acceso á cultura
e ás manifestacións escénicas para os habitantes dos concellos que as poñen en práctica. Supón
tamén un recobro aos contribuíntes polo uso dunhas infraestruturas xa costeadas. O que supón
tamén situar ás Pemes culturais galegas en inferioridade de condicións de acceso fronte ás grandes
produtoras culturais que veñen facer xira en Galicia. Isto ten unha dobre consecuencia: a poboación
cada vez ten menos oportunidades de elixir produtos culturais galegos; e favorécese a economía
foránea fronte a autóctona, impedindo con elo tamén o revertimento do gasto cultural na propia
comunidade autónoma.
Pedimos polo tanto un cambio nos criterios de sutentabilidade destes concellos con respecto
ás infraestruturas culturais e reservámonos a capacidade de emprender medidas de acción para
favorecer o acceso das industrias culturais galegas aos escenarios públicos de Galicia.
8. AS ARTES ESCÉNICAS NA EDUCACIÓN
No eido educativo consideramos que a Arte Dramática ten moito que sumar na formación das
persoas que serán o futuro da nosa sociedade. A comunicación verbal e non verbal, a comprensión
lectora, os idiomas, o coñecemento da cultura clásica e da historia, da literatura autóctona e
universal, a educación física e emocional, a innovación, a creatividade, así como a asertividade, a
concentración, o espíritu emprendedor, a confianza en si mesmo/a, a responsabilidade e o traballo
en equipo son, entre outras, competencias que melloran a práctica e o estudo da Arte Dramática. Por
elo defendemos decididamente a súa presenza nos currículos educativos troncais das ensinanzas de
Primaria, Secundaria e Bacharelato. Non somentes como asignaturas opcionais (no mellor dos
casos) en itinerarios específicos e moi limitados tal e como propón o Anteproxecto da LOMCE na
súa última versión.
Denunciamos pois a ausencia total destes contidos no 1º Ciclo da ESO, así como a
relegación da Arte Dramática en 4º da ESO a unha asignatura específica “Artes Escénicas e Danza”
presente únicamente no itinerario de “ensinanzas aplicadas” condicionante cara a FP.
A educación emocional e artística debe ser tan importante como a educación en valores
proporcionada por Relixión ou Valores Éticos ou a educación corporal actualmente impartida por
Educación Física. A Arte Dramática debera estar presente en 1º, 2º e 3º da ESO de maneira
transversal a través dunha asignatura troncal enfocada cara a Creatividade. Potenciando así as
actitudes e aptitudes dos e das estudantes cara calquera conflito dos diferentes eidos profesionais.
En 4º da ESO deberan concretarse estes coñecementos nunha asignatura troncal de Artes Escénicas
común aos dous itinerarios propostos pola LOMCE, xa que a Arte Dramática ten contidos
atribuíbles a un itinerario de ensinanzas aplicadas e tamén un rico contido válido para o itinerario de
ensinanzas académicas.
Non entendemos tampouco a ínfima presenza da Arte Dramática e das artes escénicas en
xeral no chamado Bacharelato das Artes. Conta só cunha asignatura no seu 2º curso cando debera
ser unha asignatura troncal para 1º e 2º dado o seu amplo temario imposible de desenvolver nun
curso académico. Valoramos, con todo, positivamente a rectificación levada a cabo pola
Administración con respecto ao primeiro borrador do anteproxecto no que desaparecía este
itinerario do Bacharelato.
Por suposto entendemos que todos estes contidos deben ser trasladados ao alumnado por
Titulado/as Superiores en Arte Dramática formados para tal fin pola Administración a través das
Escolas Superiores de Arte Dramática; non como vén acontecendo até o de agora sendo asignados a
departamentos que nada teñen que ver coa materia (Educación Física, Literatura, etc…). A
Administración debe poñer en marcha os procesos necesarios para garantir o acceso dos Titulado/as
Superiores en Arte Dramática á docencia dos contidos que lle son propios na Educación Secundaria
Obrigatoria e no Bacharelato.
Valoramos tamén positivamente a inclusión nesta Versión 3 do Anteproxecto de Lei
Orgánica de Mellora da Calidade Educativa da capacidade para Consellería de Educación e Cultura
de outorgar máis autonomía ás Escolas Superiores de Ensinanzas Artísticas como é necesario e
vense reclamando dende ditas institucións dende hai tempo. Tamén a posibilidade de adscrición ás
universidades que se contempla neste último borrador. Non obstante estamos profundamente
insatisfeito/as pola non resolución do problema xerado pola propia Administración con respecto á
denominación de Grao dos Estudos Artísticos Superiores; e solicitamos que se reafirme na proposta
da LOMCE a capacidade das Escolas Superiores de Ensinanzas Artísticas para outorgar títulos de
Grao como estivo vixente durante dous anos antes da reprobación por parte do Tribunal Supremo.
Erro lexislativo grave que deixa a varias promocións de estudantes nun limbo administrativo que só
ten solución co pleno recoñecemento de Grao para estes estudos e non coa denominación de
“equivalentes a tódolos efectos a un título de Grao universitario”. Non perdamos pois a única
oportunidade coherente para darlle solución a un problema creado pola propia Administración.
Agardamos pois que sexan escoitadas as nosas consideracións e ofrecemos a nosa boa
disposición para a interlocución con aqueles axentes e/ou institucións que así o estimen oportuno.
ATESAD DE GALICIA

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: