OS ACCIDENTES EN XORNADA LABORAL BAIXARON NUN 24% E OS MORTAIS PRETO DUN 14% EN GALICIA NO ANO 2012

  • issga_colorA directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, informou hoxe dos datos de sinistralidade correspondentes ao ano 2012, así como das actividades que levará a cabo este departamento no 2013
  • A minoración dos accidentes de traballo maniféstase nas catro provincias galegas, cun maior descenso en Pontevedra, seguida de Lugo, A Coruña
  • O Plan de Actividades do Instituto para 2013 inclúe 66 actuacións e foi acordado no seo do diálogo social
  • Trátase dun plan integral que abarca á totalidade das disciplinas preventivas e destínase a todo o tecido empresarial galego, especialmente pemes e autónomos
  • Conta con seis eixos e inclúe iniciativas novidosas como estudios epidemiolóxicos en veterinarios; ou a prevención de drogodependencias no ámbito laboral

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2013.- Galicia rexistrou un total de 23.668 accidentes laborais no ano 2012 en xornada laboral, 7.473 menos que no 2011, o que supón unha redución dun 24%. Así o explicou hoxe a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, en rolda de prensa para informar dos datos de sinistralidade correspondentes ao ano 2012, así como das actividades que levará a cabo o Instituto no 2013.

 

Quinzá-Torroja salientou que, por gravidade, os accidentes leves representan o 97,8 por cento do total. Ademais, destacou a redución dos accidentes mortais ocorridos durante a xornada laboral, o 0,2 por cento do total, que rexistraron unha minoración dun 13,46%, pasando dos 52 do ano 2011 aos 45 do 2012. A maioría foron por choques, golpes contra obxectos en movemento, infartos ou derrames.

Do total de accidentes laborais rexistrados no ano 2012 en xornada laboral, 23.137 foron leves, 486 graves e 45 mortais.

A minoración  dos accidentes de traballo maniféstase nas catro provincias galegas, cun maior descenso en Pontevedra, seguida de Lugo, A Coruña e Ourense. En concreto en Pontevedra descende o 27,32%, en Lugo descende o 23,06%, na Coruña o 22,50%, e en Ourense o 19,22%.

A tendencia á baixa maniféstase en todos os sectores, sendo menor no sector da pesca. En concreto, na construción descende un 34,11%, na industria o 27,60%, na agricultura o 19,80%, nos o 19,47%, e na pesca o 4,71%.

Respecto dos accidentes “in itinere” (os ocorridos durante os desprazamentos ao ir ou voltar do traballo) no 2012 producíronse 2.891, 457 menos que no 2011 o que supón unha minoración dun 13,65%. Deles, 8 foron mortais.

Para  ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total de accidentes laborais tamén descende en Galicia nun 20,16%. Unha tendencia á baixa que se manifesta en todos os sectores. Por orde de diminución, ocupa o primeiro lugar o sector da industria, cunha baixada dun 23,08%; seguido da construción, cun descenso 18,16%; o sector servizos, que caeu un 17,29%; o sector da agricultura, cun 15,79%; e o sector da pesca, cun 2,31%.

 

En canto ao índice de incidencia por provincias, a minoración dos accidentes de traballo maniféstase nas catro galegas, cun maior descenso en Pontevedra, seguida de Lugo e da Coruña e cun menor descenso en Ourense. En concreto en Pontevedra descende o 23,03%, en Lugo descende o 19,27%, na Coruña o 18,98%, e en Ourense o 15,58%.

 

Adela Quinzá-Torroja referiuse tamén ás enfermidades profesionais e indicou que en 2012 se rexistraron un total de 591, das que 282 casos foron en Pontevedra, 213 na Coruña, 55 en Ourense e 41 en Lugo. Delas, o 80,54% foron provocadas por axentes físicos como ruído, vibracións, posturas forzadas ou movementos repetitivos, entre outros.

 

Actividade para o ano 2013

O Plan de Actividades do Instituto para 2013, aprobado por unanimidade por sindicatos, empresarios e Goberno autonómico, conta con 66 actuacións. As accións formativas chegarán a preto de 9.000 persoas. Desenvolveranse 24 xornadas técnicas propias do ISSGA, así coma outras organizadas en colaboración con outros organismos; 12 cursos básicos de prevención de riscos presenciais e 3 cursos en liña de formación en prevención de riscos laborais, ademais de un curso específico para actividades de tempo libre (en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude).

 

Ademais impartirase formación en prevención de riscos laborais en máis de 35 cursos a traballadores do sector primario no marco do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible con contidos específicos teórico-prácticos dedicados á seguridade na pesca, ao emprego seguro de maquinaria agrícola e forestal, e ás pequenas explotacións gandeiras, entre outros.

 

Se ben o plan reflicte un carácter continuista co do 2012 porque as distintas fases dos programas xa postos en marcha esixen períodos superiores a un ano para á súa execución, entre as novas actividades deste ano cómpre salientar a creación dunha unidade docente para formación de especialistas en medicina do traballo; unha proposta de colaboración coa autoridade sanitaria para asesoramento por parte do ISSGA e vixiancia epidemiolóxica da saúde laboral, ou a elaboración do programa sectorial de asesoramento para a redución da sinistralidade.

 

Tamén destaca a realización de estudios epidemiolóxicos en veterinarios, redeiras e percebeiros a pé; un estudo de metodoloxías de mostraxe e avaliación hixiénica; traballos para a prevención de drogodependencias no ámbito laboral; ou  a firma dun convenio coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria para a difusión da prevención de riscos laborais.

 

Estudo epidemiolóxico en veterinarios

O ISSGA desenvolverá ao longo do 2013 un estudo epidemiolóxico co sector dos veterinarios, no que poderán participar máis de 1.200 persoas. O obxectivo é coñecer o estado de saúde do colectivo, obter información dos factores de risco da súa actividade e propoñer medidas preventivas e de boas prácticas.

 

Ademais, en paralelo coas actividades de prevención nos autónomos, realizáronse recoñecementos médicos ao longo de 2011 e 2012 para o desenvolvemento de estudos epidemiolóxicos nos colectivos de redeiras e percebeiros a pé. No 2013 elaboraranse os documentos de conclusións destas análises.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: