TRINTA DESEMPREGADOS RECOLLEN NA DEPUTACIÓN OS DIPLOMAS QUE ACREDITAN A SÚA FORMACIÓN EN «MECANIZADO DE MADEIRA» E DE «AXENTE COMERCIAL»
A deputada provincial, Marta Iglesias, acompañada polo Director de Príncipe Felipe, José Manuel Fernández; e polo técnico da Deputación, Manuel Corujo; fixo hoxe entrega de diplomas a un total de 30 persoas desempregadas que participaron en cursos formativos de “mecanizado de madeira e derivados” de 598 horas e de “axente comercial” de 453 horas. Ambas actividades formativas tiveron lugar no marco da convocatoria da Consellería de Traballo e Benestar dirixida principalmente a desempregados da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os alumnos que cursaron esta acción formativa recibiron formación complementaria en “Prevención de riscos laborais” no caso do curso de mecanizado; así como de “formación para a igualdade”; e de “inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero”.
Segundo informou Marta Iglesias, “esta formación vai asociada á obtención de certificados de profesionalidade que acreditan con carácter oficial que as persoas traballadoras posúen as competencias profesionais necesarias para o desenvolvemento dunha actividade laboral en concreto”.
Trala entrega dos diplomas Marta Iglesias desexoulles sorte ós alumnos á hora de atopar o traballo que están buscando e puxo á súa disposición os técnicos de emprego da Deputación para aclarar calquera dúbida ou petición”.
A deputada explicou que “a Deputación está realizando unha gran aposta pola formación” de xeito que nos últimos 8 anos desenvolveu 73 accións formativas de carácter ocupacional formando a un número aproximado de 1.000 persoas”.