A “distinguida” loita veciñal – Vigo

O movemento veciñal de Vigo está de noraboa. A súa expresión unitaria, a FAVEC, vén de ser nomeada –a proposta do BNG e por acordo unánime do Pleno- “viguesa distinguida” logo de máis de 25 anos de actividade.

O nacemento da federación veciñal respondía naquela altura, finais dos 80, á necesidade de sumar forzas, enerxía e vontades para enfrontar unha ofensiva institucional coa que o goberno municipal, daquela encabezado tamén por un alcalde socialista, batía -como tamén o fai agora- contra as asociacións pola súa teimosía rebelde en defenderen os intereses da veciñanza. Xa que logo a FAVEC xorde como expresión da sinerxía, da suma, como resultante dunha evidencia: a unión fai a forza. As fortalezas eran inmensamente maiores ao axuntar todos os barrios e parroquias arredor de obxectivos e propósitos comúns de cidade.

Das valentes 29 asociacións que en 1987 asinaron a constitución da Federación Veciñal, hoxe xa son 36 as que a compoñen, organizando a arredor de 30.000 familias asociadas de todos os barrios. A súa dimensión, mais sobre todo a súa inxente actividade transformadora en beneficio do pobo, colocan ao veciñal como un dos principais e máis relevantes movementos sociais da nosa cidade. Sería imposíbel comprendermos o devir histórico das últimas décadas sen reseñar o contributo vital que o asociacionismo veciñal puxo ao servizo de Vigo e das persoas que a habitan, en eidos tan dispares como a acción social, a cultura, o deporte, e sobre todo a reivindicación constante, erguida sobre a insubornábel independencia dun movemento que grazas a súa diversidade e pluralidade só responde aos intereses da veciñanza, sen gardar obediencia partidista nin aos gobernos de turno, nin aos grupos da oposición.

Aliás, a principal achega da FAVEC ten sido axir como un instrumento de participación cidadá sob o que vertebrar unha xenuína democracia municipal. Proceso que lamentabelmente enfronta serios retrocesos nos últimos anos por mor do autoritarismo exercido desde as sucesivas Alcaldías.

É por iso que o facto de que sexa precisamente Abel Caballero quen teña que facer entrega deste galardón á FAVEC, a disgusto e despois de protagonizar un ataque sen precedentes contra a entidade, constitúe unha vitoria simbólica, pero igualmente importante, para todas e todos os que sentimos o movemento veciñal como a nosa primeira militancia, e os barrios como primeira trincheira na loita por conquistar unha realidade social máis xusta en beneficio da veciñanza.  Xavier P. Igrexas

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: