CULTURA E EDUCACIÓN CONSERVARÁ NO MUSEO DO MAR DE GALICIA A ANFORETA ATOPADA POLA TRIPULACIÓN DO PESQUEIRO ‘O VILELA’ NA RÍA DE VIGO
- Polas súas características, a peza podería proceder dunha embarcación do século XVI
Santiago, 28 de marzo de 2013.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conservará no Museo do Mar de Galicia a anforeta atopada polo pesqueiro cangués ‘O Vilela’ na ría de Vigo, e que foi entregada polos armadores do barco ao museo, en nome da tripulación. Segundo o servizo de conservación do museo, as características da peza parecen indicar que esta proceda do naufraxio dun barco do século XVI , posiblemente dun galeón dos que realizaban a ruta comercial entre a España peninsular e as colonias americanas, posto que a peza atopada é recoñecida como anforeta ‘de Indias’. Ainda así, cabe sinalar que ditas anforetas eran características de todas as embarcacións que facían transportes.
Unha vez o equipo de conservación do Museo do Mar analice o valor da peza determinarase a posibilidade de exhibila como parte da futura sala que se está a preparar neste centro para expor material arqueolóxico achado nas nosas augas. Nesta mesma sala ubicarase o ungüentario bizantino atopado no ano 2002, nun control arqueolóxico das obras de prolongación do túnel do Areal de Vigo. Esta peza foi obxecto dunha exposición individual a finais do pasado ano que se completou cunha serie de obradoiros relacionados. Neles abordábanse aspectos varios como o uso e os tipos de aceite, os sistemas de navegación, de transportes de mercancías e de impermeabilización de ánforas e anforetas, así como os produtos para a conservación de alimentos ou as moedas dese tempo.
Entre o importante patrimonio que alberga o museo cómpre salientar tamén o espazo ‘De Profundis’, que amosa a evolución dos equipos de mergullo ó longo de 300 anos, tendo como referencia a ría de Vigo. Neste espazo tamén se pode admirar unha das pezas estrelas do museo, o submarino Sanjurjo construído a finais do século XIX e exposto no museo con pezas curiosas como a bandeira que se empregou o día da súa botadura; algunha das ferramentas que se utilizaron na súa construción ou reproducións dos periódicos que se fixeron eco da noticia na época. No Museo do Mar de Galicia tamén se pode contemplar, por unha banda, a réplica dun escafandro de principios do século XVIII, que foi empregado polo mergullador Alexandro Durand, e por outra, unha equipa de submerxión moderna, para que os visitantes podan contemplar a evolución das técnicas de mergullo.
As portas do Museo do Mar de Galicia permanecerán abertas esta Semana Santa no seu horario habitual (de martes a domingo de 10 a 14 horas da mañá, e de 17 a 19 horas pola tarde co fin de ofrecer unha alternativa didáctica de lecer ás familias durante estes días de vacacións.