FEIJÓO DESTACA QUE O TRABALLO CONXUNTO ENTRE A XUNTA E CITROËN ESTÁ A PERMITIR QUE A FACTORÍA VIGUESA POIDA INCREMENTAR A SÚA PRODUCIÓN NUN 33% ESTE ANO, CON MÁIS CONTRATOS E MÁIS EMPREGO PARA O SECTOR

fei O titular da Xunta visitou esta mañá as instalacións de PSA Citroën en Vigo co gallo do lanzamento industrial da versión eléctrica das furgonetas Citroën Berlingo e Peugeot Partner, para as que o Executivo autonómico achegou preto de 13 millóns de euros

  • Avoga por estender a todo o tecido produtivo a innovación, a tecnoloxía e a internacionalización da que é exemplo o sector da automoción
  • Asegura que os dous vehículos presentados hoxe “fusionan o deseño da marca francesa coa resolución tecnolóxica e o potencial humano da nosa terra” e que “portarán polo mundo o mellor eslogan: ‘Galicia’”
  • Destaca a confianza de Citroën en Galicia, e o apoio da Xunta ao sector da automoción, que considera de ‘prioridade 1’, e para o que leva destinado unha inxección de máis de 85M€ ao longo da pasada lexislatura.

Vigo, 3 de abril de 2013.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que o traballo conxunto do Goberno galego con PSA Citroën se está a traducir nun incremento da produción e da carga de traballo na factoría viguesa e, polo tanto, en máis contratos e máis emprego para o sector. O mandatario galego apuntou que, grazas á implicación da Xunta co sector da automoción, e á confianza que Citroën ten depositado en Galicia, a planta de Balaídos ten unha previsión de carga de traballo para un período de oito anos, e prevé incrementar a súa produción en 2013 nun 33 por cento con respecto ao pasado ano.

 

O titular da Xunta visitou esta mañá as instalacións da multinacional automobilística en Vigo co gallo do lanzamento industrial da versión eléctrica das furgonetas Citroën Berlingo e Peugeot Partner, para as que o Executivo autonómico achegou preto de 13 millóns de euros. Dous vehículos que, segundo sinalou Feijóo, “levan o selo de garantía” de Citroën e, ademais, “un distintivo que, se cabe, lles achega maior valor engadido: levan a marca Galicia”, remarcou. “Estes dous coches fusionan o deseño da marca francesa coa resolución tecnolóxica e o potencial humano da nosa terra. Portarán polo mundo o mellor eslogan: ‘Galicia’”, enfatizou.

 

Na súa intervención, Feijóo asegurou que a automoción é un sector ‘prioridade 1’ para o Goberno galego, para o que leva destinado unha inxección de máis de 85 millóns de euros ao longo da última lexislatura. Un apoio que, en palabras do presidente, ten favorecido a confianza de Citroën en Galicia.

 

“Aquí mantense intacta a confianza de investidores como PSA Peugeot Citroën, mantense intacta a vontade e o esforzo dos emprendedores e dos traballadores do sector do automóbil, e refórzanse dúas ferramentas precisas para lograr saír da crise económica: o talento para innovar e a confianza na marca Galicia”, manifestou.

 

Poñer os cimentos na innovación e no emprendemento

O presidente da Xunta manifestou que a Galicia da segunda década do século XXI “quere poñer os seus cimentos sobre a innovación” e a I+D+i e que, precisamente, a factoría viguesa “é mostra de que non imos desencamiñados”. Segundo indicou, PSA Citroën “ten convertido Vigo no epicentro da industria automobilística nacional e internacional” e “nun dos principais motores económicos da nosa comunidade, que exporta o 98% da súa produción e, en consecuencia, que está competindo a nivel mundial”. Representa, precisou, “o 14 por cento do PIB, máis do 34 por cento de todas as exportacións da Comunidade Autónoma e preto de 20.000 postos de traballo”.

 

Feijóo apelou ás boas expectativas do sector en Galicia para instar ao emprendemento empresarial. “É un bo momento para que calquera emprendedor, incluso aqueles que hoxe por hoxe non teñen experiencia neste sector, teñan unha oportunidade para dar resposta aos requirimentos e ás necesidades da industria automobilística”. O sector da automoción, dixo, “é exemplo de cómo na innovación, na tecnoloxía e na internacionalización están as claves do crecemento económico”, aseverou.

 

Así, avogou por aplicar esta fórmula ao tecido produtivo coa implicación, dixo, “de toda a rede empresarial, as universidades, e co compromiso do Goberno galego”. Para iso, precisou, “hai recursos”, como a partida orzamentaria de 148 millóns de euros destinados á innovación; tamén o Programa Interconecta, ou o incremento ata 60 millóns de euros dos fondos comunitarios captados ao abeiro do 7º Programa Marco de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico da UE.

 

Na Axencia Galega de Innovación, que disporá dunha achega de 12 millóns de euros para promover programas de innovación nas pemes, ou nos clústers, que contarán cun programa de axudas dotado con máis de 40 millóns de euros, están os instrumentos, dixo. E na futura Lei do emprendedor, que nacerá co obxectivo de incrementar a taxa de emprendemento nun 60 por cento nos vindeiros catro anos, está o futuro marco normativo.

 

O presidente da Xunta concluíu reiterando as claves para o crecemento: “Apertura ao exterior, innovación incansable, aproveitamento dos recursos físicos e humanos do país, xestión responsable e audaz, e cooperación sincera cunha administración que practica un apoio permanente a un sector prioritario para Galicia, prioritario para o emprego na nosa Comunidade e prioritario como marca de Galicia que acredita a innovación, o talento e a boa xestión”, concluíu.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: