A XUNTA DESTINARÁ MÁIS DE 3,5 MILLÓNS DE EUROS ÁS FEDERACIÓNS DEPORTIVAS GALEGAS NO ANO 2013
O secretario xeral para o Deporte asina os convenios coas federacións deportivas con sede nas provincias de Ourense e Pontevedra
- Ao igual que en anteriores anos, o 50% da contía económica adiantarase ás federacións para garantir a súa actividade
Vigo, 9 de abril de 2013.- A Xunta de Galicia destina máis de 3,5 millóns de euros á colaboración coas federacións deportivas ao longo do ano 2013. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou hoxe na cidade olívica os convenios de colaboración coas federacións que teñen sede nas provincias de Ourense e Pontevedra.
Deste xeito, a Xunta asina con cada unha das federacións deportivas existentes na Comunidade os distintos convenios que prevén o desenvolvemento das competicións, a participación das seleccións galegas, o fomento do deporte feminino e da respectiva modalidade deportiva entre persoas con algunha discapacidade, o fomento do deporte base, a tecnificación (programas de adestramento e competición), a actividade deportiva en idade escolar, e outros proxectos de especial relevancia no ámbito das distintas federacións deportivas.
Anticipo do 50% da axuda
Da mesma forma que os últimos anos, coa sinatura dos convenios vén aparellado o anticipo do 50% da axuda sen necesidade de xustificación previa das actividades a realizar.
Deste modo, garántese a viabilidade económica das federacións e o normal desenvolvemento da súa actividade, axudando a compensar o impacto da actual situación económica.
Axudas a clubs
A subscrición destes convenios veñen a continuar coa aposta da Secretaría Xeral para o Deporte pola actividade deportiva en Galicia, sumándose a recentemente publicada convocatoria de axudas a clubs por un monto de máis de 2.200.000 de euros, e ao Plan de patrocinios, por un importe de 2.000.000 de euros, dirixido aos equipos de Alta competición de Galicia.