Único concerto en Galicia dos lusos Urbanvibsz, este venres na sala Iguana
La Iguana, único concerto da banda revelación lusa Urbanvibsz en Galicia
Vigo e Madrid son as dúas únicas cidades españolas que visitarán os lusos
Urbanvibsz, unha das bandas reggae revelación do 2012 en Portugal, que
están a presentar o seu último traballo “Free”. New Roots Reggae que
escoitaremos este venres, 12 de abril, na sala viguesa La Iguana a partir
das 22.30 horas. O prezo do billete será de cinco euros.
Son moi novos pero é precisamente iso o que lle aporta frescura e forza a
súa música que é sinónimo de experimentación e mestura. Xa demostraron a
súa calidade co seu primeiro disco “Escuta” e continúan a facelo co último
ep “Free” que nos últimos meses os levou aos festivais e salas máis
importantes de reggae do país veciño. Agora chegan a Galicia e fano da man
da Asociación Cultural Minho Reggae que continúan traballando a prol dos
sons xamaicanos e pola súa difusión.
Este mes de abril están a realizar unha mini xira que arrancou en Lisboa,
con parada en Vigo e Madrid, para presentar o seu último disco, “Free”.
Oito temas cheos de compromiso, cantados en inglés, que chaman ao cambio e
falan da realidade pero sempre dende a positividade e a alegría. Temas
cheos de forza que están conseguindo encher os seus concertos.