A XUNTA PUBLICA HOXE NO DOG A APROBACIÓN DEFINITIVA DO PLAN DE MOBILIDADE VIARIA DA PENÍNSULA DO MORRAZO
- Este documento establece os obxectivos prioritarios para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria na Península do Morrazo
- Está previsto facer aprobacións independentes dos expedientes de información pública da conversión en autovía do Corredor do Morrazo e das Variantes de Cangas e Moaña, nas que se indicarán as modificacións a reflectir nestas tres actuacións como resultado da información pública, entre as que salientan o desistimento na execución da Variante de Moaña e cambios no deseño da Variante de Cangas, que adquirirá características urbanas
Santiago, 16 de abril de 2013.- A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación definitiva o Plan de Mobilidade Viaria da península do Morrazo. Este documento establece os obxectivos prioritarios para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria na comarca.
Este Plan someteuse a información pública ao mesmo tempo que o proxecto de trazado da conversión en autovía do Corredor do Morrazo (CG-4.1), concretamente no treito: enlace de Rande-enlace de Cangas, e o proxecto de trazado e impacto ambiental das Variantes de Cangas e Moaña.
Está previsto facer aprobacións específicas do expediente de información pública e dos proxectos de conversión en autovía do Corredor do Morrazo e das Variantes de Cangas e Moaña. As modificacións a reflectir nos proxectos destas tres actuacións como resultado do proceso de información pública realizado, serán establecidas, polo tanto, na súa resolución correspondente.
Máis aprobacións
O proxecto de trazado da conversión en autovía do Corredor do Morrazo CG-4.1. Treito: enlace de Rande-enlace de Cangas será aprobado neste mesmo mes de abril; a continuación aprobarase o expediente de información pública das Variantes de Cangas e Moaña, polo que se desistirá á execución da variante ao núcleo Moañés e se introducirán modificacións no deseño da Variante de Cangas para dotalo das características dun vial urbano.
O Plan de Mobilidade Viaria da Península do Morrazo configúrase como un extracto do Plan Director de Estradas de Galicia, Plan MOVE, e contén as actuacións previstas na rede autonómica de estradas a desenvolver pola Axencia Galega de Infraestruturas na antedita península,
Os obxectivos deste plan viario son:
- Completar a rede prevista de altas prestacións, coa finalización da Variante de Marín (xa en servizo actualmente) e a conversión en Autovía do Corredor do Morrazo. O CG-4.1 é a principal vía da área, presentando os maiores valores de tráfico. O seu desdobramento incrementará notablemente a capacidade do vial e o seu nivel de servizo, favorecendo as comunicacións entre Moaña, Cangas e Bueu.
- Analizar posibles vías alternativas á estrada PO-551 para os desprazamentos locais en torno aos núcleos urbanos de Moaña e Cangas.
- Mellorar a comunicación entre o norte e o sur da península, para aproveitar as sinerxías xeradas polos dous sistemas de vías de altas prestacións, adaptando as características das estradas existentes á nova demanda de mobilidade. Para iso, formúlanse actuacións na Marín Rande (PO-551), Bueu-Cangas (PO-315); e a Marín-Moaña (PO-313), que favorecerán a articulación territorial.
- Acondicionar as travesías de poboación que perdan a súa función como elementos de mobilidade de longo percorrido de acordo coas súas características urbanas e, no seu caso, para a súa transferencia a entes locais. contémplanse actuacións en travesías das principais estradas convencionais do ámbito (PO-551, PO-315, PO-313).
- Manter a rede existente e a proxectada nas condicións óptimas de conservación e seguridade viaria.
O Plan realiza unha diagnose da situación actual (tráficos, accidentalidade e mobilidade), tendo en conta a rede de estradas existentes na Península do Morrazo, tanto as de competencia Estatal como as de competencia autonómica e local, e tamén os datos de tráfico, e propón a realización de actuacións a través dos seguintes programas:
- Execución de estradas de novo trazado.
- Actuacións en travesías
- Acondicionamentos e melloras
- Actuacións de mantemento e conservación
- Actuacións en seguridade viaria
Antecedentes
Con data de 20 de xullo de 2012, publicouse no DOG o anuncio polo que se sometía ao trámite de información pública durante un período de 30 días hábiles, posteriormente ampliouse o prazo ata o día 28 de setembro. Durante todo o trámite de información pública presentándose diversas alegacións e informes que foron remitidas á dirección do estudo para a súa valoración.
Excluídas as modificacións que afectan ás Variantes de Cangas e de Moaña, o resto de solicitudes poden ser asumidas dentro dos programas de mantemento e seguridade viaria, polo que non é necesario modificar o plan.
A memoria Ambiental do Plan de Estradas de Galicia (Plan MOVE), que é desenvolvido por este Plan de mobilidade viaria da península do Morrazo, xa foi emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no ano 2011. Na tramitación do expediente tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 30/1992. Con paso de hoxe ponse fin á vía administrativa.