OS VECIÑOS DE TODOS OS CONCELLOS ADHERIDOS AO ORAL PODEN PAGAR O IBI EN DOUS PRAZOS, SOLICITÁNDOO ANTES DO 10 DE MAIO
- A solicitude deste sistema de pagamento poderá facerse en calquera oficina do ORAL ou tamén por correo postal, electrónico e a través da oficina virtual da Deputación
Os veciños e veciñas de todos os concellos adheridos ao ORAL poden solicitar, antes do 10 de maio, o pagamento do Imposto de Bens Inmobles (IBI) correspondente a este ano 2013 distribuído en dúas cotas.
Este sistema especial de pago, que se pon en marcha en virtude dunha Resolución Presidencial publicada no Boletín oficial da Provincia do 27 de marzo, supón que os contribuíntes que así o desexen poderán distribuír o importe do seu recibo do IBI en dous prazos, sen ningún tipo de custe adicional.
O primeiro dos pagamentos será equivalente ao 50 % de la cota líquida do recibo e deberá facerse efectivo na primeira quincena de agosto mediante a correspondente domiciliación bancaria.
O restante 50% do recibo pasarase ao cobro na primeira quincena de outubro a todas aquelas persoas que demandaran este sistema.
Esta división do pagamento farase a solicitude do interesado, que a poderá pedir en calquera oficina do ORAL, onde xa lle entregarán o documento que acredita que o cobramento do IBI se lle realizará en dous prazos.
A única documentación requirida para obter este fraccionamento é o documento acreditativo da conta bancaria na que quere domiciliar o pagamento e o DNI do interesado. No caso de que este sistema especial de pago o solicite unha persoa distinta á titular do recibo, deberá acompañar unha autorización do titular para facer este cambio.
Así mesmo, a Deputación Provincial ofrece tamén a posibilidade de que este fraccionamento se realice a través de correo electrónico ou postal, cubrindo o impreso que está publicado na propia web da Deputación (http://www.depo.es/documents/1076146/1088494/893.011.pdf/38d79808-e932-4586-b0c0-0466bb7c97aa) e remitíndoo ás oficinas do ORAL ou por medio da súa oficina virtual, onde se poderá tramitar esta solicitude con certificado electrónico.
Deste xeito, a Deputación Provincial e o ORAL pretende darlle aos veciños e veciñas da provincia todas as facilidades para que poidan cumprir coas súas obrigas tributarias, especialmente en momentos de dificultades coma os actuais.
O organismo provincial é consciente de que o importe do IBI pode resultar difícil de asumir nun único pago para moitas persoas, polo que optou por este sistema de distribución da carga tributaria para todos os veciños e veciñas da provincia que así o desexen.
O sistema non está establecido de forma sistemática para todos os contribuíntes, porque tamén son moitas as persoas que poden preferir abonar o importe íntegro nunha única cota. Deste xeito, o establecemento dun sistema especial de pago que permita que o propio contribuínte elixa a forma na que prefire facer o pagamento dos seus recibos outorga maiores facilidades a todos.