O BNG demanda o mantemento dos Xulgados de Paz e a gratuidade dos Rexistros Civís
O BNG oponse á pretensión do goberno do PP no Estado de eliminar tanto os Xulgados de Paz como os rexistros civís, un servizo até o de agora gratuíto e que pasaría a ser de pago
Baixo Miño, 26 de abril de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego ven de presentar nos distintos Concellos do Baixo Miño unha moción a prol do mantemento dos Xulgados de Paz e da gratuidade dos rexistros civís.
Os Xulgados de Paz son un servizo público que xoga un papel moi importante no achegamento da administración de Xustiza ás veciñas e veciños, xa que realizan trámites que lles evitan desprazamentos e custes económicos. O BNG pon de manifesto que ao desapareceren os Xulgados de Paz, que existen en todos os concellos, as veciñas e veciños do Baixo Miño terán que desprazarse obrigatoriamente a Tui para realizar trámites que até o de agora podían resolver no seu propio concello.
No que atinxe os Rexistros Civís o BNG resalta que non só se pretende a súa eliminación, senón que ademais se encomendan as súas competencias a Rexistradores/as da Propiedade. Dese xeito, un servizo até o de agora gratuíto pasará a ser de pago, como manifestou o propio colectivo de rexistradores/as que, en principio, mantén unha postura remisa a asumir esas competencias, “se non queda absolutamente claro que as persoas usuarias custearán o servizo”.
O BNG pon de manifesto que esta medida que pretende aplicar o goberno do Partido Popular, afectará a practicamente toda a poboación, pois nos Rexistros Civís é onde se expiden documentos básicos e imprescindíbeis para cuestións tan necesarias como cobrar as pensións, a prestación de servizos sociais ou as axudas públicas.
Dende a organización nacionalista opóñense a esta reforma ao entender, que lonxe de ir en beneficio da maioría das persoas, se fai con criterios única e exclusivamente economicistas, fomentando o pago directo por un servizo que debe ser gratuíto, alén de iren na dirección contraria á modernización da administración de xustiza e do Rexistro Civil.