Pazo de Congresos Mar de Vigo, un fracaso anunciado.
Compromiso por Galicia de Vigo, en relación coas novas aparecidas nos medios de comunicación sobre a mala situación económica da empresa adxudicataria da xestión do Pazo de Congresos Mar de Vigo, remite esta nota de prensa agradecendo a vosa colaboración na súa publicación e coñecemento.
Compromiso por Galicia, por medio do seu responsable local Henrique Macías, denuncia que “despois de dous anos de funcionamento, e dez dende o proxecto inicial, non se teñan solucionado as carencias internas de auditorio, tales como a falta de cuncha acústica e foso para a orquestra, infraestructuras que teñen impedido a contratación e celebración de distintos concertos cunhas necesidades acústicas que non cumpría un recén inaugurado Auditorio Mar de Vigo”. Asimesmo lembrou que “nestes anos transcurridos dende a idea inicial do proxecto non se ten mellorado, nin adecentado, o entorno exterior do Pazo de Congresos co visible abandono e ruina dos edificios anexos, rodeados de lixo e prostitución”.
Esta situación ten producido, como consecuencia, unha utilización moi inferior ao previsto inicialmente do complexo do Pazo de Congresos, un baixo nivel de ocupación do hotel anexo e a falta de interese polos locais comerciais do complexo; situacións que como consecuencia conlevaron a un incumprimento do Plano económico financieiro previsto no proxecto e á sitiuación actual de quebra económica.
Segundo Henrique Macías “o Concello de Vigo ten unha moi importante responsabilidade no que esta a acontecer nesta infraestructura cultural, xa que non ten desenvolvido ningún plan integral que permita acondicionar o espazo exterior do auditorio Mar de Vigo e convertilo nun entorno adecuado para vigueses e turistas; A nave abandonada de Cordelerías Mar e o edificio ruinoso de Pescados Molagón, que rodean o auditorio Mar de Vigo, impiden mostrar unha imaxe digna deste entorno da cidade ás visitas de Congresistas ou nas pernoctacións de turistas e visitantes. Quen quere pasear, durmir ou permanecer nun entorno abandonado, rodeado de escuridade e prostitución? preguntase Henrique Macías, ese é a situación que o Concello de Vigo está a permitir ao non realizar ningún proxecto de recuperación das rúas Jacinto Benavente e Marqués de Valterra. Que foi daquel vello proxecto de conexión en vertical de Jacinto Benavente-Torrecedeira-Pi y Margal-Camelias? Esquecementos e abandono institucional condenan este proxecto cultural a sobrevivir nun entorno hostíl para o fin que foi creado, e que non ten posibilidade de sobrevivir económicamente se non se realiza ese plan integral de toda a zona que o rodea.”
Henrique Macías tamén denunciou que a Xunta de Galicia ten unha parte de responsabilidade neste proceso de abandono, xa que ten esquecido no fondo dunha gaveta administrativa o proxecto do tunel Beiramar-rúa Coruña, o que imposibilita a recuperación da fachada marítima do Pazo de Congresos como gran praza peonil aberta ao mar.
Por este motivo Compromiso por Galicia esixe a realización inmediata dun estudo e plano integral de urbanización do entorno do Auditorio Mar de Vigo, e evitar deste xeito que os millóns de euros investidos nesta infraestructura sexan cartos públicos tirados ao lixo. É imprescindible que o Auditorio Mar de Vigo deixe de ser unha illa no medio da nada para integrarse nun entorno agradable para vigueses e visitantes, e que implique que as súas infraestructuras sexan viables e potenciadas en todas as súas posibilidades.