A COCIÑA DE AUTOR DE PANDEMONIUM CHEGA A REDONDELA PARA PROMOCIONAR, DA MAN DA DEPUTACIÓN, OS PRODUTOS FRESCOS E OS MERCADOS DE ABASTOS
O restaurador Antonio Botana elaborará o vindeiro martes receitas no marco do programaShowcooking, Cociña de Mercado
O programa pretende dinamizar os mercados municipais e recuperar o seu peso como centro de referencia para a compra de produtos frescos
O restaurador Antonio Botana, do prestixioso restaurante Pandemonium de Cambados, levará a súa arte culinaria ao mercado de abastos de Redondela o vindeiro martes, 7 de maio, no marco do programa Showcooking Cociña de Mercado, co que a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Xunta de Galicia pretende dinamizar os mercados municipais e recuperar o seu valor como centro de referencia para a compra de produtos frescos de calidade.
No acto os clientes do mercado de abastos poderán comprobar en directo como traballa cos produtos frescos o popular restaurador, así como coñecer de primeira man a importancia dos produtos frescos para a elaboración de exquisitas receitas.
Neste caso o produto estrela será o choco, produto de excelencia en Redondela, o que sirva de ingrediente principal á receita deste restaurador.
Ademais deste showcooking, o acto, que dará comezo ás 12,00 horas, servirá tamén presentar os novos contidos do Tótem Interactivo instalado pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia e pola Deputación de Pontevedra no Mercado Municipal de Redondela, no que se ofrece información turística do concello, datos e información sobre os servizos que ofrece o mercado e, sobre todo, receitas de cociña que os clientes poden imprimir directamente e levar patra a casa no momento de facer a compra na praza.
Algunhas destas receitas son o froito dun concurso levado a cabo pola Deputación Provincial e a Dirección Xeral de Comercio entre os vendedores e vendedoras dos mercados de abastos, mentres que outras son as achegadas polos prestixiosos cociñeiros que conforman o coñecido como Grupo Nove.
Modernizarse e atraer clientes
O obxectivo deste programa, integrado no proxecto Rías Baixas, Territorio Gastronómico, é contribuír a modernizar os mercados de abastos, axudarlles a captar novos clientes e dotalos de atractivos para que a xente nova vexa nestes centros un lugar idóneo para a adquisición de produtos frescos.