Comeza en Rivas Vaciamadrid a duodécima edición dun Festiclown renovado e multisede
Este venres día 10 de maio dará comezo a duodécima edición do Festival Internacional de Clown ‘Festiclown’. Con 11 citas ás súas costas en Galicia, o evento clown máis importante do Estado diversifícase. Rivas Vaciamadrid será a primeira das estacións ás que cheguen a formación, as actuacións e a solidariedade do Festiclown 2013 para continuar en Mieres, Lugo e volver a Rivas en outubro.
Do 10 ao 19 de maio volve Festiclown ás rúas. Será en Rivas Vaciamadrid, primeira etapa, cando o Festival Internacional de Clown dirixido por Iván Prado comece a súa andadura cun novo formato multisede. É a primeira vez que a cita co mellor humor excede as dúas semanas de duración e estenderase durante os meses de maio, xuño, xullo e outubro.
En palabras de Iván Prado “esta é unha versión Lost Clown” do Festival, cun menor presuposto que en edicións pasadas “pero coa mesma marea de risas que repartir entre o público”, explica.
Festiclown é unha referencia indiscutible no panorama estatal no que a circo e artes escénicas refírese. Aristas da talla de Leo Bassi, Carlo Colombaioni, Jango Edwards, Claire, Philippe Gaulier e moitos outros actuaron e impartido cursos formativos no Festival.
Nesta edición regresa a formación, o Certamen Intergaláctico, o Desclowntrol das rúas, a inmediatez do bo teatro, as risas do público de todas as idades, a ilusión do circo e a vontade de permanencia dun proxecto cultural sen precedentes na historia das artes e o circo en España.
Festiclown 2013 chega a Rivas, volverá a Mieres (Asturias) do 20 ao 23 de xuño, pasará por Lugo (Galicia) nos primeiros días de de xullo e regresará a Rivas na primeira quincena de outubro. Máis clown, en diferentes lugares, coa posibilidade de chegar a máis público, de facer brotar máis gargalladas, de esparcir a semente da risa con compañías como Kanbahiota e Peter Punk, ganador este último do Festiclown 2008, entre outras moitas. Aquí poderá consultarse a programación de Festiclown Rivas deste mes de maio