MÁIS DE 1.400 NENOS E NENAS DAS ESCOLAS DE BALONMÁN CLAUSURARÁN A TEMPADA CON 340 PARTIDOS E ACTIVIDADES LÚDICAS
- As escolas deportivas sufriron un aumento progresivo en participantes, escolas e concellos
O acto de clausura do Día do Balonmán terá lugar no Campo de Fútbol da Cidade Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra o vindeiro domingo 26 de maio, unha xornada lúdica e festiva que reunirá ás escolas deste deporte da provincia.
Na presentación da xornada, a deputada provincial, Begoña Estévez, destacou o esforzo de inversión e mellora das instalacións deportivas que se fai dende a Deputación de Pontevedra “para que tanto nenos como clubs de toda a provincia as poidan empregar e así sacarlle o máximo rendemento”. Do mesmo xeito, José Luís Pérez, Presidente da escola de Balonmán, sinalou “o impulso que fai o organismo provincial xa que constitúe un aporte fundamental para que As escolas de balonmán sexan referente nacional”.
Neste evento participarán un total de 1.838 persoas e 174 equipos. Do total de participantes, 1.400 son nenos e nenas, 174 monitores, 90 árbitros, e 174 delegados. A eles haille que sumar os familiares dos cativos que tamén poderán achegarse ata as Instalacións de Príncipe Felipe para disfrutar da xornada acompañando aos nenos e nenas.
Os participantes poderán divertirse cunha programación de actos que inclúe inchables e outras actividades, ademais dos 340 partidos que se disputarán en 10 campos de balonmán distribuídos no campo de fútbol.
A provincia de Pontevedra conta con 131 escolas de balonmán, un deporte que goza de importante tradición e popularidade na zona. Destes centros, 21 pertencen á comarca do Baixo Miño, 2 en Caldas, 6 a Condado, 3 a Paradanta, 10 son de Deza, 25 de O Morrazo, 15 de Pontevedra, 43 de Vigo, e 6 da comarca do Salnés. Por categorías de equipos, 66 son benxamíns, 77 alevíns, 16 pertencen a infantil masculino, e 15 a infantil feminino.
En canto o número de participantes, as escolas de balonmán rexistraron un aumento progresivo de participantes pasando de 670 na tempada 2007/2008 a un total de 2.500 en 2012/2013; un incremento que tamén se reflectiu no número de escolas (25 en 2007/2008 a un total de 131 en 2012/2013).
Outras modalidades deportivas
A Deputación de Pontevedra colabora con 247 escolas deportivas en 53 concellos da provincia. No curso 2012/2013, 7.694 nenos e nenas formaron parte da experiencia deportiva. Por especialidades:
- Fútbol : 44 escolas, con 1900 participantes
- Balonmán : 131 escolas, con 2.500 participantes
- Patinaxe : 24 escolas, con 1.300 participantes
- Iudo : 12 escolas, con 550 participantes
- Rugby: 2 escolas, con 400 participantes
- Marcha : 4 escolas, con 150 participantes
- Natación: 3 escolas, con 92 participantes
- Piragüismo: 27 escolas con 802 participantes
A clausura das escolas de balonmán súmase ás doutros deportes que xa se veñen realizando nos últimos días, como as de fútbol en Cambados ou Campo Lameiro, ou a escola de patinaxe en Tui o vindeiro 25.