ROSA QUINTANA ANUNCIA A POSTA EN MARCHA DUN PLAN PILOTO DE PREVENCIÓN CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS DE GALICIA
- Destacou que o concello de Pereiro de Aguiar ten moitas posibilidades de acoller o primeiro plan piloto deste ano
- Trasladou a boa acollida dos convenios de colaboración para a prevención e defensa contra os incendios forestais por parte dos municipios de Galicia
- Anunciou que o seu departamento destinará uns 14 millóns de euros para o anos 2013 e 2014 ao arranxo de camiños no rural
Ourense, 21 de maio de 2013.- A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, anunciou esta mañá a posta en marcha dun plan piloto de prevencion contra os incendios forestais. Avanzouno durante a visita ás obras realizadas nas pistas do Municipio de Pereiro de Aguiar, feitas ao abeiro do Programa Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM).
A titular de Medio Rural e Mar avanzou que Pereiro de Aguiar ten moitas posibilidades de acoller o primeiro plan piloto deste ano. Neste sentido, a conselleira dixo que “a mellor forma de evitar que haxa lumes é traballar para facer esas labores de prevención”. O plan piloto consiste en identificar o territorio, as pistas, os camiños e as sendas e realizar un estudo da propiedade dos terreos para intentar ter un concello libre de lumes.
Convenios de prevención e defensa contra os lumes
Rosa Quintana tamén destacou a boa acollida que están tendo os convenios de colaboración para a prevención e defensa contra os incendios forestais por parte dos municipios galegos. Así, trastadou que a semana que vén poranse en marcha os convenios para a súa sinatura.
Visita ás pistas
A conselleira tamén anunciou que o seu departamento destinará uns 14 millóns de euros nos anos 2013 e 2014 para o arranxo de camiños. A esa orde de axudas poderán concurrir todos os concellos. Así mesmo avanzou que o municipio de Pereiro de Aguiar “xa fixo os deberes e xa ten os proxectos redactados”.
A conselleira visitou as pistas de Camiño Quintela- Reboredo e Camiño enlace Pereiro- San Benito, arranxadas ao abeiro dos PEIM e que contaron cunha inversión de máis de 100.000 euros.