O EDIFICIO CAMBÓN CONSOLÍDASE COMO REFERENTE DO PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS CON CASE 10.000 VISITANTES EN MENOS DE SEIS MESES

ciesislas

Un 74% das persoas que pasaron polo edificio situado no Casco Vello de Vigo, dende o día da súa apertura ata o mes de maio, foron visitantes particulares
 Dende a Consellería de Medio Ambiente apóstase pola difusión e concienciación das características e valores deste enclave natural como política de conservación
 Neste senso, nos próximos meses celebraranse máis dunha ducia de actividades que se desenvolverán nas diferentes illas do parque
 Entre as novidades formativas, destaca o curso Fotowalks, unha actividade que combina a fotografía e as rutas nas illas de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada
 Tamén por primeira vez a illa de Ons acollerá un curso de snorquel, unha actividade de grande interese para o coñecemento do medio mariño
 As illas do Parque Nacional Illas Atlánticas consolídanse como oferta de turismo da natureza, xa que nos últimos anos rexistrouse un incremento dun 5% de barcos con bandeira estranxeira.

Vigo, 6 de xuño de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de constatar que o Edificio Cambón, sede do Parque Nacional en Vigo, consolídase como referente da educación e divulgación ambiental do Parque Nacional das Illas Atlánticas con case 10.000 visitantes dende a súa apertura hai menos de seis meses. O director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Maria José Bravo Bosch, e o director- conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas, avanzou esta mañá este dato durante a presentación das actividades para este verán do Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde tamén celebrou o Día Mundial do Medio Ambiente, cunha visita de 45 alumnos de 3º e 4º de primaria dun colexio de Caldas de Reis, que posteriormente participaron nunha visita guiada ás Cíes.

O director subliñou que dende a apertura do centro cada mes se foi consolidando o número de visitantes que só na primeira semana en funcionamento foi visitado por máis de 800 persoas, chegando aos case 2.000 no mes de abril.

Tamén destacou a evolución das visitas concertadas que durante este período superaron as 2.400, entre adultos e nenos, sendo o mes de abril o que maior número de visitantes se achegaron ao Edificio Cambón, con 1.069 visitantes. Este colectivo representa o 26% dos visitantes totais á sede do Parque en Vigo, mentres que o 74% restante foron visitantes particulares.

A modo de exemplo, citou actividades como o concurso Rumbo ás illas, dirixido a alumnos de 4º, 5º, e 6º de educación primaria, que ten por obxectivo que os escolares se poidan achegar dun xeito didáctico e lúdico aos valores deste singular espazo interpretativo. O fallo do xurado, que nesta edición recaeu nos alumnos do C.E.P (Centro de Ensino Público) Marcos da Portela de Pontevedra, o Colexio Estudio de Nigrán, O CEIP Magaláns- Dorrón de Sanxenxo, Colexio Losada de Vigo, o CEIP Seara de Moaña e o CEIP Seis do Nadal de Vigo, permitirá aos gañadores realizar unha excursión a este espazo protexido cos guías intérpretes do parque ao longo do mes de xuño.

Máis dunha ducia de actividades
O director xeral de Conservación sinalou que a mellor política de conservación do patrimonio natural é a difusión e o coñecemento dos valores do contorno que nos rodea. Nese senso, García- Borregón destacou o traballo que se vai a realizar nos próximos meses, grazas á posta en marcha de máis dunha ducia de actividades divulgativas, formativas e técnicas, que se trasladarán ás propias illas, tendo en conta a tempada de verán, co fin de establecer un contacto directo coa natureza.

As actividades van dende as excursións guiadas a visitantes, como os cruceristas do Sea Cloud II ou do Deutchland, que atracarán nas illas Cíes entre os meses de xuño e setembro (no mes de maio xa estivo o cruceiro Silver Explorer) ata o curso de guías do parque no Concello de Ribeira. Tamén se propoñen actividades para todos os colectivos, como é a saída que se desenvolverá coa Asociación de axuda ao enfermo mental DOA, xunto coa ONG Solidarios Anónimos.

Durante os meses de verán, período no que tamén está permitida a acampada, celebraranse actividades nos propios illotes. Este ano, por primeira vez, se organiza unha actividade que se denomina, Fotowalks, que son paseos fotográficos guiados no Parque Nacional e que se celebrará nas illas de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

Tamén por primeira vez se organiza na illa de Ons un curso de snorquel, nos meses de xuño e setembro; mentres que nas illas Cíes é a terceira edición desta actividade acuática. As experiencias dos dous anos anteriores nas Cíes avalan o éxito e continuidade destas rutas submariñas guiadas por un monitor, onde os participantes realizan unha aproximación ao medio mariño. Tamén se retoman as actividades de kayak.

Antes de rematar a tempada estival, celebrarase o programa de voluntariado do OAPN (Organismo Autónomo de Parques Nacionais, dependente do Ministerio de Medio ambiente), polo que dous grupos de traballo de voluntariado se congregarán durante 18 días cada un, para establecer un programa que permita achegarse ás tarefas de seguimento científico que fundamentan a xestión da área mariña protexida, ao tempo que se fomenta a sensibilización sobre as problemáticas de conservación e o papel de todos os cidadáns na súa conservación. Tamén se celebrará outra actividade similar pero centrada no seguimento das aves con presenza no parque.

Ademais, o edifico Cambón, sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas en Vigo, tamén manterá a actividade e estará aberto, no seu horario habitual, para quen desexe coñecer a exposición permanente sobre as illas do Parque Nacional, así como da súa fauna, flora e hábitat natural.

Central de reservas
Ricardo García- Borregón recordou que para poder xestionar a venda de billetes para Cíes, a Consellería dispón dunha central de reservas a través da cal todas as navieras autorizadas poden proceder á venda de billetes, coa finalidade de evitar que se supere o cupo de visitantes da illa e para garantir un bo estado de conservación da mesma así como a calidade da visita.

Tamén adiantou que dende a Dirección Xeral se está a traballar no acondicionamento das illas de cara a tempada estival que se iniciará neste mesmo mes no caso de Ons; mentres que no de Cíes se vén de abrir nestes primeiros días deste mes.

As previsións da Consellería son manter o número de visitantes ás illas (Cíes e Ons), que na tempada pasada acolleron a máis de 280.000 persoas (280.798) durante a tempada de verán do pasado ano. Sinalou que non se trata de limitar ou prohibir o acceso a estes enclaves naturais, senón de controlar o acceso aos mesmos, co fin de protexer e conservar o valor natural, ambiental e paisaxístico destes núcleos singulares.

Acceso en barco
O director xeral de Conservación da Natureza tamén ofreceu datos de visitas ao parque nacional durante o 2013 en barco, que no seu conxunto (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) suman case 18.000 visitantes, dos cales un 80% acceden a través dos servizos de navieras autorizados.

En relación cos barcos de recreo destacou que na actualidade o parque ten rexistrado un total de 7.669 permisos de navegación. Segundo manifestou o director, analizando os datos por bandeiras, incrementouse o número de barcos estranxeiros nun 5% nos dous últimos anos, principalmente de Portugal, Gran Bretaña, Francia, Irlanda e Italia. En base a estes datos, pódese concluír que as illas do Parque Nacional Illas Atlánticas se consolidan como oferta turística dentro da Comunidade galega.

Día Mundial do Medio Ambiente
Dende 1972 o 5 de xuño de cada ano celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente que foi establecido pola Asamblea Xeral de Nacións Unidas, Resolución 2994 (XXVII) do 15 de decembro de 1972 coa que se iniciou a Conferencia de Estocolmo.

A Organización das Nacións Unidas enfocou a edición deste ano no lema baixo o lema Pensa, alimenta e aforra, co fin de reducir a pegada alimentaria, facendo fincapé no impacto das decisións individuais no impulso dun cambio global eficiente. En definitiva, preténdese alentar ás persoas a que realicen pequenas achegas e xestos para evitar o desequilibrio actual e a súa repercusión sobre o medio ambiente.

Compre aclarar que tirar comida significa desperdiciar tamén os recursos que foron empregados para elaborala. De feito, a produción de alimentos ocupa un 70% do consumo de auga e, en consecuencia, convértese nunha das actividades que máis incide na perda da biodiversidade e os cambios no chan.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: