ADXUDICADAS 7 NOVAS BOLSAS DE PRÁCTICA LABORAL PARA OS CONCELLOS DE AGOLADA, A CAÑIZA, CATOIRA, REDONDELA, SANXENXO, SOUTOMAIOR E VILAGARCÍA
- O organismo provincial acordou que todos os bolseiros dispoñan de contratos durante un ano
A Deputación Provincial vén de adxudicar 7 novas bolsas de práctica laboral para outros tantos titulados e tituladas universitarios que van desenvolver o seu traballo nos concellos de Agolada, A Cañiza, Catoira, Redondela, Sanxenxo, Soutomaior e Vilagarcía de Arousa.
Na súa maior parte trátase de titulados superiores en ramas relacionadas con traballo social e educación social.
Con este Plan de Práctica Laboral o organismo que dirixe Rafael louzán pretende darlle unha oportunidade de ter un primeiro emprego na actividade para a que se formaron a máis de 500 mozos.
Aínda que o contrato inicial é de 6 meses de duración e cunha dotación económica de 800 euros mensuais, o presidente da Deputación xa confirmou que os contratos de lle ampliarán a todos os bolseiros noutros seis meses, polo que todos terán garantido o seu posto de traballo por un período de un ano.
Con estas contratacións, a Administración provincial non só contribúe a paliar o desemprego xuvenil, senón que permite que os concellos conten cun persoal especializado para prestar servizos prioritarios e de calidade aos veciños e veciñas.
Neste ano 2013 serán un total de 30370 as persoas que conten cun contrato laboral da man dos diversos plans de emprego que se están a poñer en marcha e aos que destinará un total de 20 millóns de euros.