Chega a Vigo Marcelino Galán, o grande guitarrista do jazz galego
Estes xoves día 4 de xullo chega a Vigo Marcelino Galán, que actuará no Festival de Jazz de Vigo Imaxinasons ás 21 horas. Alí presentará o seu proxecto ‘The Gift’ no que recompila algúns dos músicos de jazz máis valorados da península e estará acompañado por enormes figuras do jazz a nivel estatal e que logo será plasmado nun disco.
Deste xeito Pablo Castaño ao saxo, Raynald Colom na trompeta, Yago Vázquez no piano, Xacobe Martínez Antelo no contrabaixo e Marc Ayza na batería e, por suposto, o propio Marcelino Galán na guitarra e composición, farán parte dese regalo para os oídos que será ‘The Gift’ este xoves no Imaxinasons de Vigo.
Falar de jazz galego e non mencionar a Marcelino Galán é imposible. Quedan poucos guitarristas -e artistas en xeral- coa capacidade de crear músicas tan fermosas e orixinais coma el. Sempre sabe xuntarse cos mellores e ao seu gusto e bo facer hai que engadir a capacidade de recoñecer a calidade artística (e por que non decilo, tamén persoal) dos músicos cos que traballa en cada ocasión, pero con todo non se lle pode quitar o mérito e debemos recalcar o coidado, o mimo e o cariño con que trata todos e cada un dos seus proxectos.
Con vistas a un novo disco
Quizais non é o músico máis prolífico en canto a discos e proxectos, pero si un dos que máis calidade e traballo amosa neles, coidando ao detalle desde a primeira nota ata o último punto do proceso de creación.
E este novo proxecto que nos presenta non é máis que outro claro exemplo de todo esto. Unha vez máis tráenos o seu inconfundible son con proxecto “The Gift”. Nome máis que apropiado, xa que esta formación é un auténtico agasallo para calquera aficcionado á música en xeral e ao jazz en particular.
Este será o punto de partida deste proxecto que de seguro virá cheo de alegrías e ilusións. Ademais, a finais de verán publicará o disco onde recollerán todos os temas que presentarán no Imaxinasons.