Archive | julio 10, 2013

BENESTAR DESTACA QUE A EXECUCIÓN DA LEI DE DEPENDENCIA POLAS COMUNIDADES PERMITE ADAPTAR RECURSOS ÁS NECESIDADES DA POBOACIÓN

§  A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, participou hoxe no curso de verán ‘Coidados de longa duración en Europa e en España: necesidades, perspectivas e respostas’ da Universidade Complutense de Madrid

§  Galicia levou a cabo actuacións centradas na mellora da calidade da xestión co obxectivo de procurar unha resposta mellor e máis áxil ao cidadán, mellorar a coordinación e a transversalidade na implementación do sistema e apostar polos servizos de calidade

§  Entre os distintos avances, cabe destacar: a nova ferramenta informática (SIGAD); o módulo de extranet aos concellos; o servizo de información ao cidadán a través do 012; o expediente dixital; ou o informe social unificado

§  Así mesmo, durante o ano 2012, Galicia foi a segunda comunidade autónoma que deu máis altas de beneficiarios da dependencia, con 14.000 altas novas das que preto de 4.000 foron netas, pese ao contexto de forte crise económica

 

Madrid, 9 de xullo de 2013.- A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, asegurou hoxe que a execución da Lei de Dependencia por parte das Comunidades Autónomas permite adaptar os recursos dispoñibles ás necesidades reais da poboación, que son diferentes nos distintos territorios.

Coro Piñeiro participou hoxe no curso de verán ‘Coidados de longa duración en Europa e en España: necesidades, perspectivas e respostas’ da Universidade Complutense de Madrid. Na súa intervención indicou que dita execución supuxo “un enorme esforzo de estudo, planificación e organización da xestión, así como a correspondente inversión en recursos humanos, medios informáticos, formación e desenvolvemento de protocolos e procesos, así como en novos equipamentos e servizos, co obxectivo de dar cumprimento a un ambicioso calendario de implantación nun momento de dificultades económicas”.

Dito esforzo foi maior nas Comunidades autónomas nas que o desenvolvemento en materia de servizos sociais previo á implantación foi máis débil, e onde as características da poboación, en canto a envellecemento e dispersión, dificultan a provisión de servizos. Este é o caso de Galicia, que nos últimos seis anos triplicou o seu orzamento para atender á dependencia.

Este pulo permitiu levar a cabo actuacións centradas na mellora da calidade da xestión co obxectivo de procurar unha resposta mellor e máis áxil ao cidadán, mellorar a coordinación e a transversalidade na implementación do sistema e apostar polos servizos de calidade.

O avance na mellora da xestión lévase realizando en Galicia desde 2009. Entre as distintas iniciativas cabe destacar: a nova ferramenta informática (SIGAD); o módulo de extranet aos concellos; o servizo de información ao cidadán a través do 012; o expediente dixital; ou o informe social unificado.

Así mesmo, durante o ano 2012, Galicia foi a segunda comunidade autónoma que deu máis altas de beneficiarios da dependencia, con 14.000 altas novas das que preto de 4.000 foron netas, pese ao contexto de forte crise económica.

Por último, Coro Piñeiro fixo fincapé tamén na aposta que se está a realizar polos servizos profesionais sobre as prestacións económicas, de acordo co espírito da norma. Grazas a este esforzo, Galicia sitúase como a segunda comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de beneficiarios atendidos a través deste tipo de recursos.