MEDIO CENTENAR DE ENTIDADES XA COLABORAN COA REDE EUSUMO QUE PROMOVE TRABALLO PARA FOMENTAR O COOPERATIVISMO

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinou hoxe coa Cámara de Comercio de Tui a súa adhesión a esta rede
  • Ata o de agora 27 cooperativas teñen nacido ao abeiro desta iniciativa posibilitando a creación de máis de 100 empregos directos
  • Mato destacou que esta fórmula empresarial demostrou nos últimos anos “unha extraordinaria” resistencia fronte á crise económica
  • Na actualidade, Galicia conta con preto de 1.200 cooperativas activas que agrupan a máis de 90.000 socios
  • Por outra banda, a titular de Benestar avanzou que a escola infantil de Tui, que ofertará 82 prazas,  estará lista para abrir en setembro con novo curso escolar

Tui (Pontevedra), 15 de xullo de 2013.- A Cámara de Comercio de Tui forma parte desde hoxe da Rede Eusumo que promove a Consellería de Traballo e Benestar para fomentar en Galicia o cooperativismo. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, asinou hoxe en Tui o convenio de colaboración con esta entidade.

A conselleira resaltou que coa adhesión da Cámara de Tui a esta rede xa son medio centenar as entidades da Comunidade que colaboran con esta iniciativa, entre os que destacan concellos, deputacións, oficinas de fomento cooperativo, asociacións, fundacións, organismos vinculados ao emprendemento e universidades.

O departamento autonómico puxo en marcha en 2012 o proxecto Eusumo como unha experiencia piloto e, tras o éxito acadado e fixar as súas bases mediante un decreto, que supuxo a súa consolidación, o Goberno galego está este ano a potencialo “de forma decidida”.

Mato resaltou que ata o momento 27 cooperativas teñen nacido ao abeiro desta rede, o que posibilitou a creación de máis de 100 empregos directos. “Esta rede constitúe unha ferramenta esencial para o desenvolvemento presente e futuro da economía social en Galicia”, apuntou a conselleira, ao tempo que sinalou a importancia de difundir esta fórmula empresarial. Afirmou, neste senso, que está a demostrar nos últimos anos “unha extraordinaria” resistencia fronte á crise económica e ten achegado novas posibilidades de negocio e emprendemento, especialmente no eido social.

Engadiu, así mesmo, que o cooperativismo dá prioridade ás persoas e ás súas necesidades por riba de calquera outra consideración e axuda a conservar e crear postos de traballo, ao tempo que contribúe ao equilibrio territorial.

 

Na actualidade, Galicia conta con preto de 1.200 cooperativas activas que agrupan a 90.000 socios. Só no ano 2012 creáronse 58 cooperativas na Comunidade autónoma e outras 33 nos primeiros meses deste ano.

Ademais da Rede Eusumo, Mato lembrou outras iniciativas postas en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar para promover o cooperativismo como é o programa Coopera Máis para articular medidas que contribúan ao fomento e consolidación das cooperativas na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

En 2011, modificouse a Lei do Cooperativismo que estaba vixente desde 1998, adaptándoa aos tempos actuais e tendo sempre como obxectivo último facilitar e promover a creación de novas cooperativas.

E este ano crearase a Marca Coopera, un distintivo que contribuirá a dar visibilidade a aquelas cooperativas que estean a realizar unha boa xestión. Para este ano 2013, o departamento autonómico investirá máis de 4 millóns de euros á economía social , dos que 870.000 euros están destinados á Rede Eusumo.

 

Escola infantil de Tui

Por outra banda, no eido social, a titular de Benestar anunciou que a nova escola infantil de Tui da Galiña Azul abrirá as súas portas en setembro, co novo curso escolar. Trátase do primeiro centro de educación infantil público de Tui, que vai contar con 6 unidades e porá 82 prazas a disposición dos veciños e veciñas da localidade pontevedresa.

O investimento para a construción e equipamento deste servizo social ascendeu a 730.000 euros e ao seu mantemento anual vanse dedicar 430.000 euros. Mato destacou que a posta en marcha desta escola é unha proba máis da aposta da Xunta pola conciliación laboral e familiar. Ao respecto, asegurou que na pasada lexislatura puxéronse en marcha en Galicia 3.000 novas prazas públicas de 0-3 anos, das que un 38 por cento corresponderon á provincia de Pontevedra.

Anunciou, así mesmo, que na lexislatura actual está previsto a creación doutras 3.500 novas prazas das que 2.100 xa están planificadas. Destas 2.100 planificadas, máis de 630 prazas serán para a provincia pontevedresa, e, polo tanto, empezarán a executarse este mesmo ano.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: