TRABALLO COLABORA CO GRUPO FEMXA PARA POÑER EN MARCHA OS PRIMEIROS 25 CONTRATOS DE FORMACIÓN DUAL EN VIGO
- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, indicou que estes contratos teñen dous obxectivos fundamentais: a mellora da cualificación e da empregabilidade dos mozos e mozas; e a loita contra o desemprego xuvenil
- Os 25 traballadores que teñen contrato recibirán o certificado de profesionalidade de validez estatal de desenvolvemento de produtos editoriais multimedia
- A conselleira aproveitou a súa visita a Vigo para anunciar que a Comisión de Valoración do departamento autonómico aprobou catro obradoiros de emprego presentados por concellos e agrupacións de municipios da área metropolitana de Vigo
- En concreto, na provincia da Pontevedra os obradoiros van ser 13, con 287 alumnos e un investimento total de 2,5 millóns de euros
- Estes obradoiros únense ao investimento que fai a Consellería en materia de emprego nesta provincia e que ascende ata os 48,6 millóns de euros dos que máis de 17 corresponden á cidade de Vigo
Vigo, 31 de xullo de 2013.- A Consellería de Traballo e Benestar acadou un acordo coa empresa Adquiero Servicios Integrados, do Grupo Femxa, polo que destinará máis de 100.000 euros para o financiamento dos 25 primeiros contratos de formación dual postos en marcha nas últimas semanas en Vigo.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou hoxe as instalacións desta empresa en Vigo e indicou que estes contratos teñen dous obxectivos fundamentais: a mellora da cualificación e da empregabilidade dos mozos e mozas; e a loita contra o desemprego xuvenil.
Están dirixidos a menores de 30 anos en situación de desemprego, e especialmente pensados para aqueles que teñen dificultades para a inserción laboral; contan cun salario acorde ao convenio colectivo; e están asociados a unha actividade formativa dun mínimo do 25% da xornada laboral.
No caso concreto de Adquiero, a formación vai estenderse ao 55% da xornada, e vai ser subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar con máis de 100.000 euros.
A responsable de Traballo explicou que esta decisión enmárcase no “firme compromiso coa formación de calidade como vía para mellorar a empregabilidade dos traballadores e aumentar a competitividade das nosas empresas”.
Mato engadiu que esta formación vai ligada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez estatal. En concreto, os 25 traballadores que teñen contrato recibirán o certificado de desenvolvemento de produtos editoriais multimedia, para o que recibirán preto de 1.000 horas de formación.
Beatriz Mato apuntou que na pasada lexislatura máis de 30.000 galegos recibiron formación certificable e neste ano practicamente o 100% das actividades de formación para o emprego van estar ligadas á obtención dun certificado de profesionalidade, o que quere dicir que preto de 14.000 galegos en situación de desemprego poderán acceder a un destes certificados.
Obradoiros de emprego
Doutra banda, a conselleira aproveitou a súa visita a Vigo para anunciar que a Comisión de Valoración do departamento autonómico aprobou catro obradoiros de emprego presentados por concellos e agrupacións de municipios da área metropolitana de Vigo.
En primeiro lugar, o obradoiro deste mesmo concello, ‘Vigo Capacita’, que contará con 24 alumnos e un investimento por parte da Consellería de case 215.000 euros. Este obradoiro centrarase nas especialidades de cociña, camareiro de restaurante e bar, e produción de plantas de interior e exterior.
Tamén foi aprobado o obradoiro ‘Emprega Verde’ solicitado polo concello de Redondela. Un programa mixto no que investiranse 200.000 euros para ofrecerlle formación e emprego a 22 alumnos, en especialidades como fruticultor, agricultura ecolóxica, axuda a domicilio e animación sociocultural.
Así mesmo, porase en marcha o ‘Obradoiro Terras do Miñor II’, solicitado polos concellos que compoñen a Mancomunidade do Val Miñor (Nigrán, Gondomar e Baiona). Un programa ao que se destinarán máis de 200.000 euros, e que contará con 23 alumnos nas especialidades de cociña e camareiro de restaurante e bar.
Por último, foi aprobado o obradoiro ‘Capacita Moaña II’, solicitado polo Padroado Municipal Beiramar deste concello, que terá preto de 200.000 euros de investimento que chegará a 22 beneficiarios nas especialidades de atención a domicilio, cantería, produción de plantas de interior e exterior e horticultura.
En total, en toda Galicia van ser 50 os obradoiros que postos en marcha nos próximos meses. Van contar cun investimento de preto de 9,5 millóns de euros e beneficiarán a preto de 1.300 galegos e galegas. En concreto, na provincia da Pontevedra os obradoiros van ser 13, con 287 alumnos e un orzamento total de 2,5 millóns de euros.
Estes obradoiros únense ao investimento que fai a Consellería en materia de emprego nesta provincia e que ascende ata os 48,6 millóns de euros, dos que máis de 17 corresponden á cidade de Vigo. A isto hai que engadir o orzamento destinado a benestar, de preto de 120 millóns de euros, polo que a cantidade total sitúase nos 168,5 millóns de euros, un 5% máis que no ano 2012.