BNG Vigo
O pleno aproba o documento do Bloque para potenciar o aeroporto de Peinador
Vigo, 5 de agosto de 2013.- O BNG acadou o respaldo do pleno, cos votos a favor do PSOE e a abstención do PP, para aprobar a emenda presentada ao documento do goberno local sobre o aeroporto de Peinador. Entre outros aspectos, a proposta nacionalista insta ás diferentes administracións implicadas, Deputación, Xunta e goberno do Estado, a asumir as súas competencias e a que a Xunta garanta o trato igualitario dos tres aeroportos galegos, atendendo a cada un deles segundo as súas necesidades.
O BNG acada o respaldo para que o goberno local presente un plan anual de publicidade e comunicación
Vigo, 5 de agosto de 2013.- A moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego que insta ao goberno local a presentar un plan anual de publicidade e comunicación resultou aprobada co apoio do PP e a abstención do PSOE. Na defensa da proposta, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, defendeu que nos momentos actuais é preciso “estar á altura” e que os recursos públicos se utilicen “para priorizar os servizos sociais”.
O BNG pregunta cal é o estado de execución da partida dedicada ao Centro Galego de Fotografía
Vigo, 5 de agosto de 2013.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, preguntou por escrito ao goberno local cal é o estado de execución da partida dedicada ao Centro Galego de Fotografía, incluida nos orzamentos municipais de 2013 grazas a unha emenda nacionalista. Segundo o goberno local a segunda fase da execución do proxecto será aprobado en xunta de goberno.
Asemade, Iolanda Veloso, facéndose eco de irregularidades detectadas nas licenzas de taxi por unha asociación sindical de condutores asalariados do taxi de Vigo fíxonos chegar, preguntou se realizara algunha averiguación sobre o estado destas licenzas e se tomou algunha medida ao respecto. Ao respecto, o goberno local sinalou que despois de estudar a documentación correspondente estanse realizando comprobacións nas propias paradas.
O BNG rexeita a proposta de amortización de débeda aprobada por PSOE e PP
Vigo, 5 de agosto de 2013.- No pleno da corporación, o Bloque Nacionalista Galego votou en contra da amortización de débeda proposta polo goberno local, e aprobada por PSOE e PP, ao considerar que esta medida só ten como obxectivo “dar liquidez aos bancos”, segundo destacou na súa intervención a portavoz municipal nacionalista Iolanda Veloso.
“Estamos radicalmente en contra destas medidas postas en marcha polo PP que pretenden que lle deamos liquidez aos bancos”, subliñou a voceira do BNG, quen criticou que estas medidas “obrigan a priorizar o negocio dos bancos fronte os servizos á cidadanía”.
Iolanda Veloso destacou que o Bloque reclama a modificación da lexislación de xeito que se permita utilizar os cartos municipais para prestar os servizos que necesitan os cidadáns e cidadás. “Non podemos utilizar os nosos cartos para dar servizos e nós iso non o imos apoiar nunca”, asegurou.