LOUZÁN ANUNCIA UN NOVO INVESTIMENTO DA DEPUTACIÓN DE 700.000 € PARA OBRAS DE MELLORA DO COMPLEXO DE SANTA MARIÑA, EN REDONDELA
- Nestes momentos está a piques de finalizar o acondicionamento dos dous campos de fútbol
- Corrixíronse as deficiencias que rexistraban e dotouse o terreo de xogo de céspede artificial
- O novo investimento incluirá a creación de bancadas cubertas para preto de mil persoas
A reforma do complexo deportivo de Santa Mariña de Redondela, onde xoga o recentemente ascendido Club Deportivo Choco, suporá un investimento de máis de 1.400.000 euros. Así se desprende do anuncio realizado esta tarde polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, que visitou o campo para comprobar os traballos que se están realizando e dar conta dunha nova actuación na que a Deputación investirá outros 700.000 euros.
Os traballos realizados ata o de agora contaron cun orzamento que rondou tamén os 700.000 euros e que foron achegados pola Deputación e o Concello. Estes traballos incluíron a ampliación e acondicionamento dos dous terreos de xogo e a dotación de céspede artificial de última xeración (nestes momentos xa instalado no campo principal e que proximamente se instalará no secundario).
Así mesmo, entre outras actuacións, procedeuse a solucionar os problemas que presentaban os campos, corrixindo as pendentes que provocaban acumulación de auga e, en consecuencia, impedían o correcto mantemento do céspede.
1.000 espectadores
Unha vez realizadas estas obras, a Deputación, segundo anunciou hoxe Rafael Louzán, procederá á licitación dos traballos de dotación de novos equipamentos e mellora dos existentes.
Así, está previsto que se constrúa unha nova edificación que constará dunha grada cuberta con capacidade para preto de 600 espectadores, vestiarios, locais polivalentes, aseos e botiquín debaixo das bancadas; aos que hai que sumar preto de 200 prazas máis de gradas cubertas para a pista de tenis.
A iso sumarase un edificio novo nos límites da parcela para control e acceso ás instalación, o peche da parcela onde sexa preciso, e 2 gradarías descubertas para dar servizo ao campo de fútbol secundario.