OS 22 ALUMNOS E ALUMNAS DO OOEE CAPACITA MOAÑA II ACTUARÁN NA RESTAURACIÓN DE 4 MUÍÑOS NO ENTORNO DO RÍO INFERNO, EN MOAÑA
- A Consellería de Traballo e Benestar ven de aprobar a concesión deste Obradoiro de Emprego ao concello moañés cun investimento de case 200.000 euros para beneficiar a 22 persoas desempregadas.
- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, xunto ao alcalde do municipio, José Fervenza, coñeceu hoxe unha das zonas onde actuarán os alumnos e alumnas do Obradoiro.
- Bravo Bosch visitou tamén o Padroado Municipal Beiramar, onde un total de 90 alumnos e alumnas se están a formar a través de 6 cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados)
- En total, a Xunta de Galicia inviste este ano no Concello de Moaña para estas políticas de formación e emprego máis de 500.000 euros para formar a 140 persoas.
Moaña, 05 de agosto de 2013.- A delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, trasladouse esta mañá ata o Concello de Moaña para visitar o entorno do río Inferno, zona onde grazas ao Obradoiro de Emprego Capacita Moaña II que a Consellería de Traballo e Benestar ven de conceder ao municipio moañés se recuperarán e restaurarán 4 muíños ubicados na zona.
A Xunta de Galicia ven de resolver a través da Comisión de Valoración do departamento de Traballo e Benestar os obradoiros de emprego e, entre os 4 concedidos na área territorial de Vigo, un deles é o relativo ao proxecto presentado por Moaña. Deste modo, durante 6 meses o Concello formará a un total de 22 alumnos e alumnas a través do Obradoiro de Emprego Capacita Moaña II, que conta con preto de 200.000 euros de investimento da Xunta.
Nun primeiro momento, as especialidades que o Concello de Moaña solicitou para este OOEE foron 4: atención a domicilio, cantería, produción de plantas de interior e exterior e horticultura, pero por decisión municipal –son as propias entidades as que deben adaptar o seu proxecto ao número de alumnos que se lle conceden- decidiron desenvolver as especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes (12 alumnos) e a de cantería: construción-colocación de pedra natural (10 alumnos).
Deste modo, a través deste Obradoiro, as actuacións que desenvolverán os 22 alumnos e alumnas en formación serán:
– para a especialidade de cantería: construción-colocación de pedra natural:
– a recuperación do leito do río Inferno;
– a ampliación do carreiro que bordea o río;
– limpeza exterior e restauración de 4 muíños do río
– instalación e colocación de mobiliario e paneis informativos necesarios.
– para a especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes:
– mantemento e mellora de parques e zonas verdes, entre os que se atopan actuacións nos paseos marítimos de Domaio, Meira, Seara e Xunqueiras; na praza Lola Diz, parque Cerradiña, Masandía, Souto, monte do Con, Praza do Concello ou rotonda do Pontillón, entre outras;
– mellora de zonas axardinadas en parques infantís de San Bartolomeu, Seara, Tirán, Ameixoada, Verducedo ou Abelendo, entre outras
– desbroces e limpeza das superficies destas zonas.
Acompañada do alcalde da localidade, José Fervenza, a delegada da Xunta comprobou o entorno onde se levarán a cabo as actuacións da especialidade de cantería e sinalou así a importancia da actuación así coma da formación que van a ter os alumnos e alumnas do obradoiro xa que no transcurso das diferentes iniciativas os participantes mellorarán a súa empregabilidade ao tempo que dispoñen dun posto de traballo.
Cursos AFD
Tras a visita ao entorno do río, a delegada aproveitou a visita para coñecer tamén as instalacións do Padroado Municipal Beiramar onde se están a levar a cabo varios cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) outorgados tamén pola Consellería de Traballo e Benestar.
Ao Padroado se concederon 6 cursos cun investimento de 326.065,75 euros e onde se están a formar 90 alumnos e alumnas con preto de 3.000 horas de formación nas especialidades de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; montaxe de mobles e elementos de carpintería; colocador de prefabricados lixeiros; técnico en software ofimático; instalación de elementos de carpintería e instalación de mobles.
A maiores, Moaña recibiu tamén dous cursos AFD máis a través da Federación Galega de Confrarías de Pescadores cun investimento de 15.247,54 euros. Neste caso son para formar a 30 alumnos e alumnas nas especialidades de mariñeiro-pescador (63 horas) e formación básica (88 horas).
Con todo, a través dos cursos AFD, Moaña conta este ano cun investimento de 341.313 euros para un total de 8 cursos nos que se forman un total de 120 alumnos e alumnas a través de máis de 3.100 horas de formación.
Investimento
En definitiva, a Consellería de Traballo e Benestar a través destas políticas activas de formación e emprego está a investir no Concello de Moaña un total de 536.748 euros para o OOEE e os cursos AFD, nun total de 10 especialidades onde en total se beneficiarán e se están a formar 140 persoas desempregadas.