A XUNTA IMPLANTARÁ UN NOVO MODELO SOCIAL BASEADO EN CATRO CARTEIRAS DE SERVIZOS PARA DEPENDENCIA, MAIORES, INFANCIA E INCLUSIÓN

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mantivo hoxe un almorzo-coloquio con entidades do eido social e laboral para dar conta das liñas estratéxicas do departamento nesta lexislatura
  • Ata agora, o referente do modelo era o edificio xa que cada un equivalía por regra xeral a un único servizo, mentres que coas novas carteiras cada instalación poderá ofrecer distintos recursos
  • Deste xeito haberá servizos “máis diversificados, máis profesionais, máis especializados e os centros estarán máis optimizados”
  • No eido laboral implantarase tamén unha carteira que favorecerá a accesibilidade para os usuarios e ampliará o catálogo existente nas oficinas de emprego

Santiago, 30 de setembro de 2013.- A Consellería de Traballo e Benestar implantará un novo modelo de atención social que se baseará en catro carteiras de servizos: de atención á dependencia; para persoas maiores ou con discapacidade que teñan autonomía; para a familia e a infancia; e para a inclusión.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, anunciou esta transformación durante un almorzo-coloquio con entidades do eido social e laboral no que deu conta das liñas estratéxicas do departamento para este lexislatura.

Ata agora, o referente era o edificio, que equivalía por regra xeral a un único servizo. Coa implantación do novo modelo de carteiras permítese que cada instalación poida ofrecer distintos recursos, xa que pasan a acreditarse cada servizo por separado e non o edificio en si mesmo. “Camiñamos cara uns centros moito máis diversificados e, ao mesmo tempo, máis profesionais e especializados”, subliñou a conselleira.

A primeira en “revolucionar o escenario actual dos servizos sociais” será a carteira de servizos de atención á dependencia, que xa foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Por primeira vez, ademais dos servizos comúns, haberá recursos específicos para cada colectivo con necesidades especiais: alzhéimer, discapacidade física, parálise cerebral…

A maiores deste decreto, Mato adiantou que o departamento está elaborando unha carteira para persoas maiores ou con discapacidade que teñen autonomía, que ten como obxectivo facilitar o envellecemento activo e retrasar a chegada da dependencia.

Ambas ferramentas compleméntanse coa reorganización dos centros que xa existen, para reforzar os seus contidos e dotalos de novos servizos, especialmente naqueles casos onde hai menos demanda pola dispersión poboacional. En definitiva, “trátase de prestar máis servizos nos mesmos centros” e, ao mesmo tempo, adecuarse ao máximo ás necesidades dos usuarios que disporán de recursos máis diversificados.

Carteira de servizos para a infancia

Unha das principais novidades que adiantou a conselleira foi a elaboración dunha carteira de servizos para a familia e infancia, que diversificará e ampliará os servizos para sacar o máximo rendemento aos centros. Como exemplo, Mato destacou que esta ferramenta permitirá que unha escola infantil que abra só polas mañás, poida ofrecer servizos como pode ser os de ludoteca pola tarde.

Precisamente esta norma será a encargada de regular as casas niño e o servizos de axuda no fogar para a infancia, dúas das medidas que foron incluídas no Plan de dinamización demográfica.

A loita contra a exclusión social será outro dos piares nesta lexislatura. Nestas actuacións inscríbese o impulso da Lei de inclusión social, que xa está en trámite parlamentario ou a elaboración, xa en marcha, do novo Plan galego de inclusión social, que se estenderá de 2014 a 2020 e se centrará especialmente na loita contra a pobreza infantil, sobre o que se desenvolverá un estudo para coñecer a súa diagnose real. Neste Plan inscríbese tamén a nova Estratexia para a inclusión da poboación xitana, que contemplará varias medidas específicas, entre as que destaca a de facilitar o acceso do colectivo á vivenda.

A inclusión contará tamén cunha nova carteira de servizos, segundo subliñou Mato. Esta regulará todos os recursos dos que poderán dispoñer as persoas en risco de exclusión, impulsando especialmente aqueles que favorezan a inclusión activa.

No eido social, a conselleira tamén puxo en valor a coordinación sociosanitaria, para acadar unha atención integral. Entre as distintas accións que se están desenvolvendo neste eido encóntrase o acceso por parte dos centros residenciais de maiores e discapacitados ao IANUS. Xa se levou a cabo unha experiencia piloto, e actualmente a Consellería de Sanidade está tramitando as credenciais necesarias para que todos os médicos dos centros residenciais accedan este sistema. Está previsto que este proceso remate a finais de ano.

Lei de economía social

No eido do emprego, a conselleira puxo en valor a modernización do Servizo Público de Emprego, unha “transformación integral”. O núcleo deste cambio vai ser, de novo, a elaboración dunha carteira de servizos, a “quinta do departamento”. Así, ofrecerá “máis servizos, de maior calidade, máis accesibles e claros para os usuarios”.

O obxectivo desta “fonda renovación” da rede de oficinas de emprego é conseguir mellorar a súa intermediación e facelas máis accesibles para os usuarios. Para acadar esta meta, o proxecto de decreto de carteira de servizos foi dialogado cos distintos axentes sociais. Entre as novidades desta norma, estará ampliar os servizos existentes como, por exemplo, incluír o contacto con empresas nos itinerarios individuais dos traballadores.

 

Xa no que se refire ao desemprego xuvenil,  continuarase apostando por actuacións como o contrato de formación dual, que combina formación e inserción laboral. As primeiras experiencias desta modalidade están sendo “moi positivas”. Ata o momento, téñense asinado 55 contratos nos que se investiron 160.000 euros.

Defender e salvagardar o dereito dos traballadores é outra obriga fundamental do departamento autonómica. Para facer fronte ás prácticas irregulares, púxose en marcha o Plan de loita contra o emprego non declarado.

Ademais, como unha das principais novidades no ámbito laboral, Mato anunciou que xa está traballando na redacción dun anteproxecto de Lei de economía social, que se elevará ao Parlamento ao longo do próximo ano. Deste xeito, Galicia converterase na primeira comunidade autónoma en contar cunha norma deste tipo.

O obxectivo deste texto será potenciar a presenza, crecemento, visibilidade e influencia da economía social; crear unha estruturas básicas para a representatividade deste sector, como a creación dun órgano asesor que favorecerá a participación institucional da economía social.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: