A XUNTA CONCEDE 318.000 EUROS AOS CONCELLOS DA ÁREA DE VIGO PARA PROMOCIÓN DA IGUALDADE E PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO

  • O vicepresidente Alfonso Rueda visitou o CIM de Redondela, cuxo concello recibiu máis de 240.000 euros para programas prevención da violencia de xénero e de promoción da igualdade
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial de Vigo, María José Bravo Bosch, presentaron hoxe en rolda de prensa as axudas e subvencións a entidades locais

Redondela, 11 de outubro de 2013.- A Vicepresidencia da Xunta destina este ano un total 318.000 euros aos concellos da área de Vigo para actuacións de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero. O vicepresidente Alfonso Rueda visitou esta mañá o Centro de Información á Muller (CIM) de Redondela, acompañado da secretaría xeral da Igualdade, Susana López Abella, da delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e do alcalde da localidade, Javier Bas.

O apoio do Goberno galego aos CIMs ponse de manifesto en liñas de axuda tanto para os propios centros como para os concellos co fin de que desenvolvan programas para a prevención da violencia de xénero e a prol da igualdade.

 

No caso de Redondela, o Concello recibiu desde 2009 máis de 240.000 euros por parte da Xunta de Galicia para o funcionamento do CIM e para a posta en marcha de programas de promoción da igualdade, de conciliación e de prevención da violencia de xénero. No que atinxe exclusivamente ó mantemento do CIM, a achega da Administración autonómica ascendeu a 131.850 euros nos últimos tres anos. Desta contía, 45.000 euros corresponden á convocatoria deste ano, a máxima prevista na orde de axudas. O CIM de Redondela conta cun servizo de teletradución e tres traballadores (psicóloga, asesor xurídico e axente de igualdade) que o ano pasado atenderon a preto de 800 persoas.

Axudas a entidades locais

Precisamente hoxe en Vigo, a  secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial, María José Bravo Bosch, deron conta en rolda de prensa da resolución da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade que, na área territorial de Vigo, ascenden a preto de 318.000 euros, o que supón un incremento de 12.000 euros máis con respecto á convocatoria do pasado ano.

 

No conxunto da zona, son beneficiarios nesta convocatoria un total de 9 concellos: Baiona, Cangas, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Redondela, Soutomaior e Vigo, sendo este último un dos que recibe unha maior contía cun importe total de 57.000 euros. Ademais, os municipios recibirán un pagamento anticipado do 60% do importe das axudas concedidas.

Mentres, o Concello de Soutomaior, coma titular do CIM, foi un dos municipios beneficiados da novidade da convocatoria deste ano pola que se primaban as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local. Coa finalidade de lograr unha xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, a Xunta de Galicia pretendía impulsar e apoiar proxectos de xestión compartida e, deste xeito, Soutomaior foi un dos beneficiados ao agrupar aos concellos de Pazos de Borbén e Vilaboa para optar a estas subvencións.

López Abella destacou que a resolución destas axudas, publicada recentemente no DOG, reflicte a aposta do Goberno galego pola cooperación entre municipios e a prestación conxunta de servizos. Unha cooperación pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que redunda nunha maior eficiencia e en beneficio para os cidadáns.

Tres liñas de axudas

As axudas para promoción da igualdade engloban tres programas de colaboración coas entidades locais: a promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero; o fomento da conciliación; e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres.

O Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes está destinado a medidas como actividades de coeducación dirixidas á poboación infantil e xuvenil ou elaboración de plans municipais de igualdade de oportunidades. A liña de prevención e tratamento da violencia de xénero a accións de prevención deste problema e intervencións de carácter integral coas vítimas. Na área de Vigo, este programa recibe un total de 25.284 euros.

Pola súa banda, o programa destinado á conciliación subvenciona todas aquelas accións que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como os bancos de tempo ou os plans de programación do tempo das cidades. Neste caso, os municipios da área de Vigo reciben un total de 24.000 euros.

Por último, o programa dedicado aos CIM, ten por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes. Este é o programa que recibe un maior volume de investimento para os concellos da área territorial de Vigo cunha contía de case 270.000 euros.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: