PRESENTACIÓN DO LIBRO ‘COCIÑAR CON ALGAS’ EN BAIONA
EDITORIAL GALAXIA PRESENTA
Mércores 6 de novembro ás 20 horas no Multiusos Ángel Bendriñana
A cociñeira Eva Crespo Vázquez presentará o seu libro ‘Cociñar con algas‘ na compaña do editor Francisco Castro dentro do programa ‘Descubre o mundo das algas’ que se vai desenvolver entre o 1 e o 10 de novembro en Baiona.
Neste libro, a cociñeira Eva Crespo ofrécenos 80 completas receitas nas que as algas achegan un toque especial para conseguir un resultado exquisito.
Coas receitas que aparecen neste libro descubriremos as virtudes da “Cociña Atlántica” a partir de pratos moi variados e sinxelos. Un mollo de propostas culinarias nas que o sabor e a saúde van da man e nas que se reivindica un produto galego cada día máis usado nas mellores cociñas do mundo.
Eva Crespo Vázquez naceu na Illa de Arosa
É vexetariana dende hai 38 anos, e dende 20, dedícase á cociña vexetariana. A súa formación é completamente autodidacta, mais conseguiu converterse nunha completa experta o que a levou a dar moitos cursos de cociña para expandir máis este tipo de alimentación en cursos tanto dentro como fóra de España. Tamén traballou en restaurantes e centros alternativos. Na actualidade centra a súa actividade en dar a coñecer as posibilidades culinarias das algas.