Delegados/as da CIG mobilízanse contra a reforma das pensións do PP e chaman a participar nas manifestacións do 14 de novembro

Este xoves realizáronse asembleas e accións reivindicativas en Vigo, A Coruña, Ferrol, Pontevedra e Vilagarcía

Delegados e delegadas da CIG de Vigo, A Coruña, Ferrol, Pontevedra e Vilagarcía participaron este xoves nas asembleas e as accións de protestas convocadas no marco da campaña que a central sindical está a realizar contra da reforma das pensións que pretende aprobar o Goberno de Rajoy antes de final de ano. Unha nova contrarreforma que non se debe a cuestións técnicas, senón que ten unha motivación de carácter político e ideolóxico, e coa que se pretende alimentar o negocio da banca e das aseguradoras.

A CIG entende que esta reforma provocará unha redución das pensións actuais e futuras e pretende abocar á poboación á subscrición masiva de plans de pensións privados para alimentar o negocio da banca e das aseguradoras. Para denunciar este ataque, un máis na longa lista de recortes aplicados dende o inicio da crise no ano 2008, delegados e delegadas da central sindical participaron nas asembleas e desenvolveron distintas accións reivindicativas este venres en Vigo, A Coruña, Ferrol, Pontevedra e Vilagarcía.

En Vigo, arredor de 400 delegados/as participaron na asemblea informativa na que se analizou a reforma das pensións que pretende o Goberno central e a continuación saíron en manifestación até a delegación provincial da Tesouraría da Seguridade Social, na rúa García Barbón. Durante o percorrido escoitáronse consignas como “PP ladróns non toquedes as pensións”, “Despois de cotizar queremos cobrar” ou “Botín, lambón, queremos a túa pensión”.

No que respecta a Pontevedra, o lugar escollido para realizar unha concentración de protesta unha vez rematada a asemblea de delegados/as foi a sede do Instituto Nacional da Seguridade Social, na rúa Gagos de Mendoza.

No caso da Coruña, despois da asemblea, na que participou Luís Burgos, representante da CIG no CES do Estado, e Manuel Vázquez, voceiro Plataforma de pensionistas retornados da Coruña, fíxose unha ocupación simbólica da Oficina do INSS situada na rúa Félix Acevedo, onde se berraron consignas contra o recorte nas pensións e tamén se repartiron folletos informativos.

Paralelamente, en Ferrol, ao remate da asemblea, os delegados e delegadas da central sindical distribuíronse por diversos puntos da comarca para facer un reparto masivo de follas explicativas. Os delegados e delegadas levaron o reparto ao Polígono da Gándara, o centro da cidade e a zona de Catabois.

As mentiras da reforma

Durante as asembleas fóronse desmontando cada unha das xustificacións ás que recorre o goberno para aplicar a reforma das pensión; nomeadamente o argumento de que cunha maior esperanza de vida o número de pensionistas vai ser maior e, polo tanto, vai representar un maior custo respecto do PIB. O PP e o seu “comité de expertos” non se cansan de repetir que de non executar esta reforma, no ano 2060 as pensións suporían o 16% do PIB.

Porén, non cómpre esquecer que actualmente, no estado español as pensións representan o 10% do PIB, moi por debaixo da media dos países da eurozona, e coa reforma que está a preparar o PP en 10 anos poderíanse reducir as contías das pensións até nun 20%, mediante da aplicación do denominado “factor de sostenibilidade”. Un coeficiente que basicamente consiste en que a contía da pensión debe modularse en función do tempo en que se vaia pagar, ou sexa, que se a esperanza de vida é maior hai que recortar a súa contía. Claro que, para facer este cálculo, o goberno non ten conta que a esperanza de vida da clase traballadora é dez anos menor que a das persoas máis ricas.

Xunto a isto, a “Lei Reguladora do Factor de Sostenibilidade e do Índice de Revalorización do Sistema de Pensións da Seguridade Social” introduce tamén outra modificación substancial do sistema vixente, ao eliminar a referencia ao IPC para a actualizacións das pensións e mudalo unha fórmula complexa con 11 variábeis que dependen do propio goberno.

A partir de 2019, data na que o executivo de Rajoy calcula que haberá recuperación económica, as pensións subirían o IPC máis o 0,25% como máximo. Pero farán falta, cando menos, 42 anos para recuperar o poder adquisitivo que se perderá nestes 6 anos con esta fórmula.

E tampouco se debe perder de vista que o 70% dos/as pensionistas cobran menos de 1.000 euros. De feito, o 50% das pensións son menores de 650 euros e un 28% reciben complementos de mínimos, ou sexa que nin sequera chegan á pensión mínima estabelecida. E a isto habería que engadir que segundo un estudo elaborado polo propio CES “no ano 2012 máis de 800.000 familias vivían dos avós e das avoas”.

Manifestacións o 14 de novembro

O próximo día 12 de outubro será a asemblea de delegados e delegadas da CIG de Ourense e nos casos de Lugo e Compostela terán lugar coincidindo coa xornada de manifestacións en todas as comarcas convocada para o xoves 14 de novembro. A campaña da CIG terá continuidade no tempo “con novas respostas de contestación social” a unha reforma que “non está xustificada porque nin no informe dos expertos -9 dos 12 vinculados á banca e ás compañías aseguradoras-  se di que o sistema non sexa sostíbel”.

Horarios e lugares:

-Ourense: Ás 20:00 horas do pavillón dos Remedios.

-Pontevedra: Ás 20:00 horas da Praza da Ferrería

-Vilagarcía: 20:00 horas da Casa do Mar

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: