O Consello Confederal da CIG acorda por unanimidade conxelar as cotas sindicais por segundo ano consecutivo

Tamén se amplía a cobertura da Caixa de Resistencia ao 100% do SMI a partir do quinto día de folga para os afiliados/as con máis dun ano de antigüidade

VIGO/11-11-2013

O Consello Confederal da CIG, reunido o sábado 9 de novembro, acordou por unanimidade conxelar por segundo ano consecutivo as cotas sindicais que achegan os afiliados/as da central, consciente da grave situación económica que padecen milleiros de familias no noso país a causa da crise do sistema capitalista. Ao mesmo tempo, ampliouse a cobertura da Caixa de Resistencia ao 100% do SMI a partir do quinto día de folga para os afiliados/as con máis dun ano de antigüidade e debateuse e aprobouse o documento presentado pola Executiva no que se analiza a situación político-sindical.

O Consello Confederal celebrado a primeira hora da mañá do sábado en Santiago tomou a decisión de non incrementar as cotas sindicais diante da grave situación de crise económica, social e laboral que padecen os traballadores/as galegos/as e que se traduce nunha importante perda de poder adquisitivo. Deste xeito, as cantidades que achegan os afiliados/as da central non se verán incrementadas durante o vindeiro ano, igual que xa sucedera en 2012.

Outra das decisións adoptadas polo Consello Confederal foi a ampliación da cobertura da Caixa de Resistencia ao 100% do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) a partir do quinto día de folga para os afiliados/as con máis dun ano de antigüidade e a posta en marcha do colectivo que agrupe a mocidade da CIG, fixándose en 35 anos a idade máxima para poder participar no mesmo.

Na xuntanza tamén se debateu e aprobou o informe da Executiva Confederal no que se analiza a situación político-sindical do noso país e as principais liñas de actuación da CIG nos vindeiros meses, ademais de resolverse un expediente disciplinario interno que afectaba a un delegado do comité de empresa e a seis membros da sección sindical de Citroën.

 

DOCUMENTO AVALIATIVO DA SITUACIÓN POLÍTICO-SINDICAL

A situación económica e sociolaboral no fundamental non ten variado respecto a cando celebramos o anterior Consello Confederal. A aplicación das diferentes contrarreformas laborais está cumprindo cos obxectivos para o que foron deseñadas, é dicir, facilitar os despedimentos e provocar unha caída xeneralizada dos salarios. Ao tempo, o PP continúa coa súas políticas de austeridade, ou o que é o mesmo de recorte do gasto e do investimento público, de incremento dos impostos indirectos, de privatización de empresas e servizos públicos, de contrarreformas no sistema público de pensións, de recentralización do Estado, de represión da contestación social, etc.

Polo demais, os escasos éxitos das grandes mobilizacións que levamos adiante, encanto a conseguir parar toda esta vaga de contrarreformas, de recorte de dereitos e de perda de calidade de vida, está a xerar en moitos sectores da poboación unha situación de certo cansazo, pesimismo e derrotismo, que dificulta o poder manter unha contestación social ampla, continuada e máis contundente ás políticas antisociais  e antiobreiras do PP, producíndose só unha resposta masiva en momentos moi puntuais, a última na folga do ensino celebrada o pasado día 24 de outubro.

Traballoadesenvolvernospróximosmeses:

Pensións.

Estamos en plena campaña contra a nova contrarreforma do sistema público de pensións que está a promover o PP e que vai a significar unha nova caída no importe  das pensións, tanto futuras como nas actuais, a través da introdución de dous novos mecanismos como son o factor de sustentabilidade e o índice de revalorización. Compre recordar que o primeiro deles xa figuraba na reforma pactada polos sindicatos maioritarios estatais co goberno do PSOE , no ano 2011.

Estamos pois, diante dun paso máis por parte do capital de ir debilitando o sistema público de pensións e ir favorecendo o medre dos fondos privados de pensións. Neste caso co agravante da caída do poder adquisitivo das pensións actuais, nun momento en que ditos ingresos están a ser un elemento importante do sustento de moitas familias.

A campaña que ao respecto estamos a levar adiante como CIG consiste, inicialmente, en asembleas, actos na rúa e manifestacións comarcais e xoves 14 de novembro. A resposta social que haxa a estas mobilizacións, xunto co que podan facer outras organización sindicais no Estado, abrirannos perspectivas de novas acción a desenvolver nos próximos dous meses.

Emprego.

A problemática da falla de emprego, como xa indicamos no noso VI congreso, é de tal gravidade económica e social que obríganos a situala nun primeiro plano das nosas reivindicacións. Falar de falla de postos de traballo implica falar de desemprego (277.000 en Galiza a 30.6.13), de pobreza, de exclusión social, de emigración, de baixos salarios, de problemas demográficos, de perda de capacidade reivindicativa e organizativa, etc. No noso congreso xa analizamos tamén as causas que motivan que o paro e a emigración sexan un problema estrutural en Galiza.

Diante deste panorama e seguindo unha das resolución do noso congreso, a executiva nacional da CIG elaborou un documento no que se recollen 100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza. Nesta proposta aparecen recollidas medidas en materia de política industrial, I+D, fiscal, financeira, laboral e social.

Esta campaña a favor da creación de emprego, consta de tres etapas. Unha primeira, consistiu en dar a coñecer as 100 medidas, promover asembleas e marchas nas comarcas (semana do 14-19 de outubro) e a manifestación nacional o 19 de outubro, a que por certo tivo unha asistencia moi por debaixo do que agardábamos cando a programamos. Unha segunda etapa, que consiste en darlle corpo de Proxecto de lei a estas 100 medidas e trasladar o seu debate ao Parlamento Galego a través dunha ILP, a cal xa foi presentada e estamos á espera de que a Mesa do Parlamento decida si a acepta a trámite ou non. De ser aceptada a trámite, promoveríamos nos próximos meses, aproximadamente ata marzo do 2014, unha campaña de recollida de sinaturas, xunto con pronunciamentos de comités de empresa, concellos, deputacións, etc, para finalmente dar o debate no Parlamento. A terceira etapa, consistirá en facer seguimento, por parte das diferentes estruturas da central, de aquelas medidas que podemos ir facendo realidade.

Orzamentos2014.

Sen dúbida algunha, de aquí a final de ano, outro dos temas motivo de mobilización vai ser a resposta aos orzamentos da Xunta para o ano 2014, pois neles incídese na política de austeridade, co conseguinte recorte no gasto e no investimento público e a non reactivación do crecemento económico e a creación de emprego. Estase en conversas con CCOO e UGT para ver a posibilidade de levar adiante unha manifestación nacional, ao redor de mediados de decembro, con posibilidades de que sexa a Alianza Social Galega a entidade convocante, contra os orzamentos e contra as políticas de austeridade e de recortes da Xunta.

Negociacióncolectiva.

Sen dúbida estamos diante dunha materia que sempre foi prioritaria na nosa acción sindical. Nestes momentos, despois da contrarreforma do ano 2012 levada adiante polo Goberno español, a negociación colectiva quedou seriamente debilitada e nun limbo de dúbidas xurídicas, sobre todo a parte referida á ultractividade, que empezan agora a despexarse e, afortunadamente, na liña menos mala para a clase traballadora.

En calquera caso, a contrarreforma, xunto cunha realidade nos centros de traballo moi condicionada pola crise e polo desemprego,  sitúanos nun escenario novo e moi duro que esixe de nós moito debate, intercambio de ideas e de experiencias, clarificación tanto na normativa como no traballo sindical a facer, así como maduración e posta en común, entre os cadros da central sindical, das nosas alternativas.

Desde a secretaría confederal de negociación colectiva estase a traballar nun documento, avaliativo e crítico do noso traballo nos diferentes convenios colectivos durante este ano 2013, e en consecuencia de cal debe ser a nosa acción sindical  e as nosas alternativas para o 2014. Unha vez debatido coas federacións e aprobado no secretariado confederal, será remitido a todas e todos os membros do consello.

Elecciónssindicais.

Dentro deste novo período de catro anos que se iniciou o 1 de xaneiro de 2012, quédanos por diante os dous anos (2014-15) onde se elixen as tres cuartas partes do total dos delegados/as sindicais, polo tanto dous anos claves para o resultado final e polo tanto para nós. Neste período intermedio de eleccións, é dicir, desde o 01.01.2012 ata o 30.09.2013, elixíronse un total de 3.132 delegados/as en Galiza, dos cales a CIG conseguimos 829 o 26,47%. Con respecto a delegadas/os con mandato en vigor (catro anos) a CIG, a 30.09.13, temos un total de 4,845 o 26,66%, melloramos en dúas décimas os resultados do final do período anterior (31.12.11).

En calquera caso, se sempre foi para nós difícil o elixir delegados/as en moitos centros de traballo, nesta situación de crise, desemprego e debilitamento da clase obreira, a nosa situación aínda vai ser máis complicada. Isto esixe de nós o facer un traballo moito máis planificado e constante de aquí ao 31.12.15.

Sendo certo todo isto, non é menos certo de que nesta ocasión nós temos uns activos que nos dan vantaxe respecto do sindicalismo español, respecto dos nosos competidores, como son: o ter unha situación económica mellor que eles, o que nos posibilita manter intacta a nosa estrutura de liberados/as, mentres eles tiveron que reducir a súa de forma significativa; o non aparecer publicamente vinculados a un uso fraudulento de fondos públicos (caso ERES Andalucía); o mantérmonos activos nun combate permanente contra as políticas da dereita e do capital e o de ter uns delegados/as sindicais máis curtidos/as no enfrontamento e nas dificultades nos centros de traballo. Pero para poder aproveitar estas vantaxes, temos que mellorar a nosa organización e métodos de traballo, non só de cara as eleccións sindicais, se non como norma no noso traballo diario, pois se non facemos isto pouco rendemento lle imos poder sacar a eses activos.

Afiliación.Organización.

Una organización sindical como é a CIG que facemos un sindicalismo de participación, de mobilización, de confronto co poder, cun claro perfil ideolóxico de clase e nacionalista, que non imos gozar precisamente de apoios por parte do poder e dos medios de comunicación, precisamos dunha ampla base afiliativa, é a nosa fonte de vida, e moitos máis nos tempos que corren de desregulación, precarización e flexibilización da lexislación e das relacións laborais.

Compre pois esforzármonos por afiliar, empezando por preservar a afiliación que xa temos e ampliala ao noso corpo de delegados/as da CIG (nin un só delegado e delegada sen afiliar). Para isto e para responder de forma inmediata aos problemas da clase obreira, é preciso mellorar a nosa organización, perfeccionar os nosos métodos de traballo e estar, no día ao día,  moi en contacto coa nosa afiliación e moi presente en todos os centros de traballo e, como xa acordamos no Congreso e na Conferencia nacional, esforzármonos por constituír as seccións sindicais CIG en todas as empresas.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: