A XUNTA PROMOVE O COOPERATIVISMO NO EIDO CULTURAL E DESTACA O SEU POTENCIAL PARA POÑER EN MARCHA PROXECTOS NESTE ÁMBITO
- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, clausuraron hoxe unha xornada centrada nesta fórmula empresarial
- O obxectivo da iniciativa foi explicar aos interesados as liñas de apoio que se prestan desde a Rede Eusumo, así como as medidas de respaldo ao emprendemento cultural que está poñendo en marcha a Fundación Cidade da Cultura de Galicia
Santiago, 13 de novembro de 2013.- O Goberno galego está a promover o modelo cooperativo e as súas posibles aplicacións no sector cultural, co fin de mostrar o seu potencial á hora de desenvolver novos proxectos neste ámbito.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, clausuraron hoxe unha xornada centrada nesta fórmula empresarial, que se desenvolveu na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
O formato da iniciativa foi dinámico, e centrouse especialmente en mostrar diversas iniciativas de éxito. Así, as intervencións de carácter explicativo combináronse coa presentación de diversas experiencias. Cabe destacar tamén que a xornada contou coa actuación musical do grupo de cámara do Conservatorio Histórico de Santiago, unha entidade constituída como cooperativa.
Grazas a este evento, os interesados obtiveron información sobre os servizos que presta a rede Eusumo, así como tamén se abordaron as particularidades do modelo cooperativo e a súa adaptación a iniciativas empresariais no ámbito da cultura.
Na xornada tamén se trataron as liñas de apoio ás persoas emprendedoras que está poñendo en marcha a fundación Cidade da Cultura. A iniciativa contou coa participación de representantes das cooperativas Grupos Mus21 (Madrid), Culturactiva (Santiago), O Cable Inglés (Vigo) e o Conservatorio Histórico de Santiago, que explicaron as súas vivencias como cooperativas do sector.