BENESTAR IMPULSA EN GALICIA A CAMPAÑA EUROPEA “UN DE CADA CINCO” PARA A PREVENCIÓN DO ABUSO SEXUAL A NENOS E NENAS
- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe esta iniciativa, acompañada pola directora do departamento de igualdade e dignidade humana do Consello de Europa, Elda Moreno
- A campaña establece unha regra “moi simple” para que os máis pequenos aprendan a diferenciar que clase de comportamento é admisible e cal non o é
- De cara á protección dos menores, a Xunta dispón, entre outras ferramentas, da Liña telefónica de axuda á infancia ou o Rexistro Unificado de Maltrato Infantil (RUMI)
Santiago, 25 de novembro de 2013.- A Consellería de Traballo e Benestar está a impulsar en Galicia a campaña “Un de cada cinco”, que ten como obxectivo avanzar na prevención do abuso sexual a nenos e nenas. Esta iniciativa foi posta en marcha polo Consello de Europa, e a comunidade autónoma adheriuse a ela.
A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, estivo acompañada na presentación deste proxecto pola directora do departamento de igualdade e dignidade humana do Consello de Europa, Elda Moreno. Durante a súa intervención, resaltou o “interese” da campaña porque vén a dar resposta a unha materia que “en moitas ocasións é difícil de detectar e sempre é moi complicada de abordar”. Ao respecto, explicou tamén que o nome da mesma procede dunha estatística de UNICEF que sinala que “un de cada cinco nenos no mundo é vítima de violencia sexual”.
Esta iniciativa ofrece unha “canle moi sinxela” para comunicarse cos nenos e nenas: “a regra de Kiko”, unha regra “moi simple que axuda aos máis pequenos a diferenciar que clase de comportamento é admisible e cal non o é e, ao mesmo tempo, axuda aos pais a mellorar a súa comunicación cos fillos”
De feito, o primeiro núcleo de actuación no que fai fincapé a campaña é a familia onde é preciso ter un ambiente “tranquilizador, receptivo e nada intimidatorio”. Outro dos ámbitos nos que hai que prestar atención é a escola, outro núcleo de referencia para a infancia. Os profesores e educadores poden ser axentes principais para a detección e a prevención das situacións indesexables.
Pero fundamentalmente –segundo considerou Mato- o que esta campaña ensina é que “todos podemos ser mediadores e colaborar en rede na loita pola prevención destas situacións. Desde as entidades, aos medios de comunicación ou ás institucións”.
Un dos obxectivos principais e irrenunciables do Goberno galego é a protección da infancia. Por iso, téñense posto en marcha ferramentas, instrumentos e protocolos para facilitar a detección e comunicación de calquera tipo de maltrato.
Por exemplo, a liña telefónica de axuda á infancia. Trátase dunha ferramenta gratuíta, atendida por persoal especializado as 24 horas do día. O número é común para toda Europa: 0 116111. Con el, facilítase que os nenos e nenas expresen as súas preocupacións e reciban axuda profesional; e constitúe tamén unha canle para que os adultos poidan comunicar as súas sospeitas de forma anónima.
Teléfono da infancia
Desde 2009 ata agora recibíronse neste número preto de 8.000 chamadas. En concreto, en 2012 houbo un total de 1.483 chamadas. De todas elas, 142 encadráronse na tipoloxía de “comunicación ou sospeita de maltrato”. A maioría delas (83, o que representa case un 60 por cento) foron por abandono físico ou neglixencia; 27 por maltrato físico; e 2 por abuso sexual.
Por outra banda, o Rexistro Unificado de Maltrato Infantil (RUMI) é unha ferramenta informática na que se rexistran as posibles situacións de malos tratos, simplificando os trámites, reducindo so tempos de intervención e mellorando a eficiencia da actuación pública.
Foi creado en 2010 e especificamente deseñado para ser empregado polos profesionais que están en mellor situación para detectar os posibles casos de maltrato. Desde a súa posta en marcha, máis de 2.000 profesionais dos centros educativos e das forzas de orde público foron dados de alta como usuarios do RUMI. Cando estes profesionais activan unha notificación, esta é recibida polos equipos técnicos do menor, que habilitan o protocolo de actuación e un estudo profesional e confidencial.
Ademais, o Goberno galego leva a cabo outros programas, como o de integración familiar en colaboración coa Fundación Meniños, que está dirixido a menores e familias nas que se producen situacións de maltrato ou desprotección. Tamén cabe lembrar o acollemento familiar (en familia allea ou extensa) que permite aos nenos en situación de desamparo vivir cunha nova familia de forma temporal.