CIG – Vigo
protesta Caixa Geral Vigo.
O VI Congreso da CIG-Administración Pública reelixe a María Carme López Santamariña como secretaria nacional
Na sesión celebrada esta fin de semana en Allariz tamén se escolleron os/as integrantes da nova Executiva e os/as membros do Consello Confederal
ALLARIZ/23-11-2013
O VI Congreso da federación de Administración Pública celebrado esta fin de semana en Allariz baixo o lema ‘Recuperar dereitos, defender o público, manter a dignidade’ reelixiu a María Carme López Santamariña como secretaria nacional con 104 votos. Na sesión tamén se escolleron os/as integrantes da nova Executiva e os/as membros que integrarán o Consello Confederal. Na clausura da sesión, na que participou o secretario xeral, Suso Seixo, a responsábel nacional da CIG-Administración reclamou “compromiso, forza e unidade na defensa dos servizos públicos”.
López Santamariña, cuxa candidatura competía con outras dúas, incidiu durante a súa intervención nos efectos da crise económica sobre as condicións laborais, en especial nas agresións padecidas polos empregados e empregadas das Administracións públicas en Galiza, “nomeadamente as abusivas reducións salariais e perda de dereitos laborais decretados desde que comezou a crise”.
Neste senso alertou sobre a situación na que se atopa o sector público, que ve perigar a súa supervivencia e calidade pola falta de persoal tras a imposición de taxas de reposición do 0% e por mor do proceso de privatizacións emprendido polos gobernos do PP en Galiza e no Estado español. Fronte a isto, reclamou “compromiso, forza e unidade” na defensa dos servizos públicos e amosou especial preocupación polas precarias condicións de traballo ue padecen os empregados dos entes autónomos e fundacións públicas. “Cando se loita nunca se perde, aínda que ás veces non se gañe”, lembrou.
Ao mesmo tempo, apostou por promover alianzas de colaboración con organizacións sindicais afíns e por afondar nas relacións internacionais, salientando a presenza neste VI Congreso de organizacións sindicais de Portugal (STAL-CGTP e SNTFPS-CGTP), Euskal Herria (ELA e LAB), Catalunya (CATAC-IAC) e País Valencià (Intersindical Valenciana). O sindicato catalán CSC remitiu un comunicado escusando a súa presenza e saudando o Congreso da CIG-Administración.
Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, fixo fincapé na perda de dereitos sociais e laborais que está a provocar a crise económica e nos milleiros e milleiros de mozos/as que teñen que emigrar en busca dunha oportunidade laboral.
Fronte a isto, apostou por afondar na organización da clase traballadora, para o que considera necesario reforzar a central sindical; tamén na mobilización e contestación social; e finalmente por intentar mudar a correlación de forzas políticas que lexislan no Parlamento galego para lograr medidas favorábeis á clase traballadora. Finalmente, incidiu na necesidade de loitar por un novo modelo económico e social máis xusto e solidario no que se garanta un reparto equitativo da riqueza.
A nova Executiva Federal queda conformada por:
1. María Carme López Santamariña
2. Xosé C. Crespo Santiago
3. María Xosé Santos Paz
4. Delmiro Durán Garrido
5. Fernando R. García Fernández
6. Carolina Castro Baamonde
7. Antonio Baliño Vázquez
8. Roberto Tizón Miguens
9. Gerardo Alvaredo Maceda
Os membros do Consello Confederal son:
1. María Carme López Santamariña
2. Xosé C. Crespo Santiago
3. Mª Cristina Ermida Moinelo
4. Francisco Xavier Picón Picallos
5. Fernando R. García Fernández
6. Mª Consuelo Rodríguez Rodríguez
7. Xaime Rei Vázquez
8. Gerardo Alvaredo Maceda
Informe de Xestión
A análise de toda a problemática laboral dos empregados/as públicos/as ocupa un lugar destacado no Informe de Xestión da Executiva saínte, que foi aprobado por 96 votos a favor, 16 en contra e 64 en branco. No documento faise fincapé en que o período de catro anos dende a celebración do anterior Congreso da CIG-Administración foi “de consecuencias destrutoras e negativas para a clase traballadora, debido á crise do sistema capitalista, que, no seu actual modelo neoliberal, se manifestou nunha crise económica e financeira moi fonda, pero tamén nunha crise política e institucional”.
Unha crise con repercusións máis graves nos estados periféricos como o Estado español e devastadora para Galiza, pola falta de soberanía e por sufrir un goberno sen proxecto para o país, ao servizo dos intereses económicos das clases dominantes e alleas, da españolización e dunha ideoloxía reaccionaria extrema e perseguidora dos dereitos sociais e democráticos.
Este foi tamén un período de recortes sociais e desmantelamento dos servizos públicos, de eliminación de dereitos laborais e de rebaixas salariais, de contrarreformas laborais, de limitación e anulación da negociación colectiva, de ampliación da idade de xubilación, de aumento de horario laboral, de eliminación de ofertas de emprego, de despedimentos de persoal de todas as Administracións, etc.
Fronte a isto, a CIG-Admón. participou, protagonizou, canalizou e dirixiu a grande maioría da conflitividade e reivindicación nas Administracións públicas asumindo, case en exclusiva, o traballo informativo e de axitación sindical nos centros de traballo.
O esencial reside na capacidade para organizar a resistencia nos centros de traballo e tamén para promover saídas lexislativas que impulsen o benestar social e limiten, ou radicalmente eliminen, as desigualdades de renda e a capacidade de influencia política dos oligopolios financeiros.
Finalmente, fronte á ofensiva forte pero non imbatíbel dos poderosos/as as opcións da clase traballadora galega pasan pola autoorganización, pola soberanía nacional, pola República galega e por un estado socialista galego.
Tamén se aprobaron os Relatorios de Organización (94 votos a favor, 0 en contra e 10 abstencións) e Acción Sindical (44 a favor, 0 en contra e 6 abstencións), así como unha modificación dos Estatutos da federación (159 a favor, 0 en contra e 1 abstención).