O PARLAMENTO APROBA A NOVA LEI DE INCLUSIÓN SOCIAL, QUE ARTICULARÁ UNHA NOVA RISGA E POTENCIARÁ A INSERCIÓN LABORAL

 

  • É un texto que provén do consenso, xa que foi ratificado como acordo do diálogo social polos principais axentes sociais de Galicia
  • A nova RISGA (Renda de integración social de Galicia) dividirase en tres tramos: tramo persoal e familiar, de inserción, e de transición ao emprego
  • Potenciaranse as sinerxias entre os servizos sociais e de emprego, e realizarse unha diagnose de empregabilidade das persoas
  • Establece, por primeira vez, a compatibilidade con traballos esporádicos, co fin de incentivar o acceso a un emprego
  • Substituirá á anterior normativa, que data de 1991

Santiago, 26 de novembro de 2013.- O Parlamento galego aprobou hoxe a nova Lei de inclusión social de Galicia, que permitirá articular unha nova Renda de Integración social de Galicia (RISGA) e potenciará a inserción laboral, para evitar a cronificación destas situacións.

Trátase dun texto que vén a substituír ao anterior, que data de 1991. Con esta nova norma, Galicia sitúase á vangarda das directrices europeas, xa que está redactada co espírito de impulsar unha política de inclusión verdadeiramente integradora e acorde coa estratexia europea 2020.

Unhas das principais novidades desta Lei é que se articulará unha nova Renda de Inclusión Social de Galicia –a palabra “integración” da denominación orixinal pasara a ser “inclusión”- que será a partir de agora flexible e modular. Isto é, co fin de potenciar especialmente a inclusión laboral, dividirase en tres tramos distintos,: o persoal e familiar; o de inserción; e o de transición ao emprego.

De feito, o reforzamento das sinerxias entre a área social e o emprego será unha das prioridades. O obxectivo é crear un itinerario único e coherente de cara ao acceso a un posto de traballo. Isto conseguirase a través de dúas vías: por unha banda, a prestación garantirá unha contía a maiores para aqueles beneficiarios que cumpran un itinerario de inserción laboral; e, por outra banda, as oficinas de emprego e o persoal de intermediación pasarán a xogar un papel decisivo.

Por exemplo, a partir da entrada en vigor da Lei, realizarase unha diagnose de empregabilidade e continuarase con accións de orientación, que requerirán da acción coordinada entre os servizos sociais comunitarios e o persoal técnico do Servizo público de emprego.

A inserción laboral tamén se pretende conseguir por outra vía: a RISGA faise por primeira vez compatible coas rendas obtidas a través de traballos esporádicos ou de escasa contía. Deste xeito, garántese que a persoa nin abandone o seu proxecto de inserción, nin renuncie á realización do traballo, nin tampouco recorra á economía sumerxida. Actualmente, cando accedían a traballos de ingresos inferiores á prestación, descontábanse estes ingresos.

División en tres tramos

En primeiro lugar, a través do denominado tramo “persoal e familiar” garántese unha contía mínima para a cobertura das necesidades básicas da persoas, que se relaciona co compromiso de manter un proxecto de inserción social.

Esta contía é anual e prorrogable. Ademais, esta prestación é ampliable no caso da presenza de maiores ou de menores de idade na unidade familiar. Neste caso, o beneficiario terá que cumprir un acordo de integración socio-educativa dos menores convivintes. É a primeira vez que se inclúe como tal o compromiso dunha intervención concreta con menores.

O segundo tramo é o de “inserción”. Neste caso, o beneficiario percibe unha contía a maiores da do tramo persoal e familiar, co fin de estimular o seu acceso a un emprego. Este tramo terá unha duración de ata 18 meses. Para ser beneficiario deste tramo, é necesario cumprir un itinerario orientado á inserción laboral, con accións formativas.

Por último, a nova RISGA abrirá un tramo de transición ao emprego. Consiste nunha contía que se segue a percibir durante os seis primeiros meses desde a consecución dun posto de traballo por parte do beneficiario. A contía vai diminuíndo gradualmente ata extinguirse.

Grazas a estes tramos, dáse resposta ás disfuncións que se viñan detectando na actual RISGA e que foron avaliadas tanto por profesionais da Administración autonómica e local, como por expertos do terceiro sector, así como polo Diálogo Social.

Así, unha das disfuncións que se tiña detectado é a cronificación da situación de exclusión social, a través das prórrogas sucesivas da percepción da RISGA. Detectouse, tamén, a perda de vinculación do beneficiario co proxecto de inserción

Coa división en tres tramos, permítese que aqueles beneficiarios que non estean en condicións de cumprir un proxecto de inserción permanezan no tramo persoal e familiar e, pola súa banda, incentívase á incorporación a este proxectos permitindo a recepción dunha contía a maiores para aqueles que pasen ao segundo tramo.

Deste xeito, agás no tramo básico, todas as contías que contempla a nova Lei de inclusión son maiores ás que se viñan recibindo ata agora: tanto os complementos por outros convivintes son maiores, como as contías adicionais para fomentar a inserción.

Outra das disfuncións que se tiña detectado, e que se soluciona coa nova Lei de Inclusión, é que actualmente na práctica “penalizábase” a realización de traballos esporádicos ou accións formativas, porque a percepción da RISGA reducíase ou suspendíase neste caso. Isto levaba a moitos beneficiarios a renunciar a estas actividades de inserción ou mesmo a agochalas da Administración. Coa nova normativa, os tramos de inserción e de transición o emprego son compatibles cos accesos parciais a determinados traballos, así como tamén se establece a compatibilidade con prestacións económicas de contía menor que a das pensións non contributivas.

En definitiva, a Lei contempla aos beneficiarios non como os meros perceptores dun subsidios, senón como suxeitos capaces de superar esas situacións, aos que hai que motivar, incentivar e apoiar para que o fagan.

As AIS

Ademais, a nova norma regulará tamén outros aspectos como as axudas de emerxencia social (AES), que agora pasan a denominarse Axudas de inclusión social (AIS).

Neste senso, é preciso destacar que as futuras AIS estarán destinadas, non só como ata o de agora, a sufragar situacións de grave emerxencia, senón que financiarán tamén actuacións de acompañamento ou reforzo de carácter excepcional vinculadas ás medias de apoio dos diferentes tramos da Renda de Inclusión Social de Galicia. Para favorecer a súa eficacia, as persoas perceptoras destas axudas vincularanse a proxectos de traballo social ou socio educativos desenvolvidos desde os servizos sociais comunitarios, que se responsabilizarán do seu seguimento.

As axudas de inclusión social, como ata o de agora, estarán destinadas a posibilitar que as persoas cunha grave situación económica continúen habitando na vivenda habitual cando este feito favoreza o proceso de inclusión; a mellorar a habitabilidade da vivenda habitual; ao equipamento do mobiliario básico da vivenda ou axudas para atención de necesidades primarias de alimentación, vestido e enxoval doméstico.

No texto, tamén se fomentan as empresas de inserción laboral e o seu recoñecemento, así como a adopción doutras medidas de inclusión social como as accións de discriminación positiva nas políticas activas de emprego.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Una respuesta a “O PARLAMENTO APROBA A NOVA LEI DE INCLUSIÓN SOCIAL, QUE ARTICULARÁ UNHA NOVA RISGA E POTENCIARÁ A INSERCIÓN LABORAL”

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: