CIG – Vigo
A CIG de Vigo insta ao Goberno municipal a exentar e rebaixar impostos ás persoas que atravesan dificultades pola crise
Na medida en que o emprego, a través do salario, é o sustento material que garante a propia supervivencia das persoas traballadoras, do alto nivel de desemprego derívanse tamén consecuencias neste sentido. En 2011 a taxa de risco de pobreza na nosa comarca sobordaba o 16%, cinco puntos máis que no inicio da crise. Máis do 50% dos fogares chegan con dificultades a fin de mes e máis do 12% con moitas dificultades. Nese ano, 2011, para unha cuarta parte dos fogares o 100% dos ingresos proviñan de subsidios e prestacións. A súa paulatina extinción, sumada a cada vez maior dificultade de atopar un emprego, fixo que nestes últimos dous anos esa cifra se incrementase aínda máis.
O empobrecemento da clase traballadora na cidade de Vigo e no conxunto da comarca materializase tamén nunha queda xeneralizada do poder adquisitivo, do que da boa conta o descenso nun 10% nos ingresos medios mensuais e o conseguinte aumento da fenda entre os máis ricos e os máis pobres (incremento que algunhas estimacións cifran nun 30%). O cadro complétase tamén incorporando os milleiros de persoas que hoxe se ven forzas a acudir a organizacións asistenciais para garantiren a súa alimentación (só Cáritas atende xa 8.000), ou os varios centos que permanecen arestora sen teito baixo o que acubillarse. Asemade, a estafa das preferentes, con decenas de milleiros de persoas afectadas, ou o drama dos desafiuzamentos hipotecarios, están a sumar aínda maior sufrimento ás clases populares.
Neste contexto a CIG de Vigo defende que é necesario adecuar a achega impositiva, tamén no eido municipal, a esta realidade patente. En consecuencia entendemos que é necesario reducir a presión fiscal daqueles sectores sociais con menor capacidade de compra, e tamén avantar cara unha maior progresividade. Obxectivos que precisan apenas de vontade política, xa que existen mecanismos que o farían posíbel, nomeadamente alargar as exencións e bonificacións fiscais ou favorecer fórmulas de aprazamento que non estean penalizadas con xuros.
No marco do debate social a respecto das ordenanzas fiscais do Concello de Vigo para o vindeiro ano, o sindicalismo nacionalista e de clase que representa a primeira forza sindical en afiliación e representatividade na cidade e comarca consideramos insuficiente a conxelación impositiva, na medida en que o mantemento das taxas nas mesmas contías do ano pasado non é xusta en función dunha realidade social agravada polos efectos da crise e das políticas neoliberais impulsadas polos Gobernos español e galego. Hoxe a meirande parte das familias traballadoras teñen menos recursos que o ano anterior, polo que a mera conxelación de taxas e impostos segue a implicar un maior esforzo nalgúns casos abusivo e claramente inxusto, ao vulnerar o principio de que pague máis quen máis ten.
É por iso que instamos ao Goberno Municipal a atender demanda social de acometer as modificacións necesarias nas ordenanzas fiscais, para nalgúns casos exentar e noutros como mínimo rebaixar as contías do pago de impostos municipais a aquelas persoas que atravesen dificultades económicas, e nomeadamente a quen carece de emprego e/ou dunha fonte de ingresos regular. Esta posición será a que a central sindical defenda no debate previsto no Consello Social da Cidade do vindeiro día 29.