A TEMPADA DE PESCA 2014 EN GALICIA INICIARASE O 16 DE MARZO E REMATARÁ O 31 DE XULLO

 A TEMPADA DE PESCA 2014 EN GALICIA INICIARASE O 16 DE MARZO E REMATARÁ O 31 DE XULLO

 O DOG publica a orde na que se definen as normas para a pesca de determinadas especies nas augas continentais da Comunidade Autónoma

  • Entre as novidades desta tempada destaca a recuperación das cotas de captura xeral para reo e troita no río Umia e a declaración de novas masas salmoneiras como consecuencia do Plan de recuperación do salmón na Coruña
  • Aumenta a cota de captura do salmón nos ríos Lérez e Ulla, que pasa de 8 a 12 exemplares no primeiro e de 35 a 40 no segundo
  • A pesca do reo iniciase o 1 de maio e remata segundo o couto entre os meses de agosto e setembro, mentres que a captura da troita comeza o 16 de marzo ata o 31 de xullo, agás nos coutos conveniados que se prolongará ata o 30 de setembro
  • A orde tamén aclara as condicións da captura dos ciprínidos e perca negra, saboga, cangrexo vermello americano e cangrexo sinal, anguía e lamprea
  • Con carácter xeral, decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás os festivos nacionais ou autonómicos

Santiago, 30 decembro de 2013.- A tempada de pesca para o ano 2014 na Comunidade galega comezará o vindeiro 16 de marzo e rematará o 31 de xullo, con carácter xeral. Así se establece na orde que recolle as normas de pesca nas augas continentais, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG).

 

Trátase dunha orde anual na que se definen as normas xerais de pesca fluvial de distintas especies ictícolas e dos demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia e que é acorde aos artigos 46 e 47 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio).

 

Entre as novidades que destacan na orde que se publica hoxe atopánse a recuperación das cotas de captura xeral para reo e troita no río Umia, e a declaración de novas masas salmoneiras como consecuencia do Plan de recuperación do salmón na Coruña que declara 6 novos tramos de augas nos ríos Anllóns, da Balsa, de Cundíons, Mera, da Purgueira e Sor.

 

Outras das modificacións son a creación de 11 tramos de pesca sen morte que acadan unha lonxitude total de 39,4 quilómetros (A Coruña: 1; Lugo: 3; Ourense: 4 e Pontevedra: 3), e a reapertura de coutos vedados na provincia de Pontevedra, que despois de moitos anos e grazas ás labores de recuperación efectuadas suprímese o vedado en Portamuíño (río Almofrei), Fragoso (río Lagares e afluentes) e das Neves (río Termes). Tamén é importante a supresión no Couto de Soutomaior (tramo río Verdugo) que grazas a traballos realizados para a recuperación do ecosistema, xunto coas repoboacións sistemáticas efectuadas, permiten agora a súa apertura.

 

 

 

Salmón

O período hábil para a pesca do salmón nos coutos da Pontenova, Betanzos, Celeiro, Couso, Frieira, Monteporreiro, Salmeán, Sinde e Ximonde irá dende o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o remate da temporada en función das cotas de captura. No río Eo a tempada dará comezo o 27 de abril e rematará o 15 de xullo, por acordo coas autoridades do Principado de Asturias. Por outro lado, nos coutos do río Ulla poderá practicarse a pesca sen morte do salmón.

 

A cota de captura está establecida nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. Destaca a subida das cotas nos ríos Lérez e Ulla, que pasan de 8 a 12 exemplares no primeiro e de 35 a 40 no segundo. No río Mandeo os exemplares serán 5, 15 no río Masma, 8 no río Miño, e 10 no couto de Salmeán. No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.

 

En relación cos engados (engado é o material que se pon no anzol para atraer á presa e que o trague) poden ser naturais autorizados como as miñocas e quisquillas, ou artificiais que son construídos imitando animais ou outros obxectos que poden ser atractivos para os peixes que se queren capturar. Estes poden ser a mosca artificial, culleriña e peixes artificiais ou semellantes. Dende o 1 de xuño ata fin da tempada os engados só poderán ter un anzol simple. Para a pesca sen morte do salmón no río Ulla autorízase unicamente a mosca artificial con anzol sen arponciño.

 

Pautas especiais na captura do salmón

Na orde tamén se recolle unha serie de prescricións especiais para as capturas do salmón. Así, aquelas que sexan accidentais fora da tempada hábil, de exemplares de menos de 40 centímetros, e máis as capturas en tramos de pesca sen morte terán que ser devoltas a auga con rapidez, mantendo ao pez na auga mentres se libera do engado podéndose valer dunha sacadeira. Deste xeito, nunca deberá estar suspendido verticalmente suxeitándolle pola cola, e de ser preciso, procederase a cortar a sedela para liberar o peixe.

 

En todos os salmóns capturados comprobarase a existencia de micromarcas magnéticas na cartilaxe nasal no momento de seren precintados e guiados. Dado que os salmóns micromarcados proceden das repoboacións efectuadas pola Administración galega ou por outras administracións españolas ou estranxeiras, débense recuperar as mesmas mediante a extracción dun fragmento da cartilaxe nasal no que se atope a citada micromarca magnética. Nestes casos, deberase prestar a colaboración necesaria e permitir a permanencia do salmón no centro de precintaxe o tempo necesario para a recuperación da micromarca magnética, propiedade da Administración autora da repoboación.

 

A pesca do reo

En función do couto no que se practica este deporte, a Xunta establece unha data de remate da tempada:

–      Coutos de Celeiro (lotes 2 e 3), Couso, Lambre, Monteporreiro, Noia, Noval, Ombre, Padrón, Ponte Arnelas, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Sinde, Traba, Viveiro (lotes 2 e 3), Ximonde e Xuvia a tempada comezará o 1 de maio e rematará o 30 de setembro.

–      No couto de Betanzos dende o 1 de maio ata o 14 de setembro.

–      No río Eo compartido a tempada iniciarase o 18 de maio ata o 15 de agosto.

 

Cómpre sinalar que nas zonas de desembocadura non se autoriza a captura do reo e noutras masas de auga (distintas das citadas anteriormente) establécese un período de pesca que discorre dende o 1 de maio ao 31 de xullo.

 

Para esta especie, fíxase unha captura de 5 exemplares, dunha dimensión mínima de 35 centímetros, por persoa e xornada. No couto da Ponte do Porto a cota de captura é de 2 exemplares por persoa e xornada, e no río Eo compartido a dimensión mínima establecida é de 25 centímetros e a cota de captura é de 28 reos ou troitas por persoa e día.

 

Sobre os engados, nos caso dos artificiais permítense os mesmo que no caso do salmón ao que se suma o risco. No que respecta aos engados naturais, permítense todos agás todo tipo de ovas de peixes e o peixe natural, nas augas salmoneiras non se permiten os cebos naturais agás para a pesca do salmón nos seus coutos.

 

Captura da troita

Para esta especie a tempada comezará o 16 de marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos conveniados prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nos ríos salmoneiros non empezará a tempada ata o 1 de maio.

 

Por norma xeral establécese a posibilidade de capturar 10 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros, e os engados son os mesmos que os da tempada pasada, engadindo a posibilidade de empregar o asticot nos encoros incluídos no anexo VII da Orde de Vedas.

 

Na normativa que publica hoxe o DOG tamén se aclaran as condicións da captura das seguintes especies: ciprínidos e perca negra, saboga, cangrexo vermello americano e cangrexo sinal. Con respecto á anguía a norma establece a vedada para a pesca deportiva e a lamprea autorízase unicamente nos ríos Tea e Ulla.

 

Xornadas hábiles

Tal e como se recolle na normativa, con carácter xeral decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos, e nos coutos de pesca tamén serán inhábiles os xoves.

 

Os coutos conveniados con sociedades colaboradoras de pesca poderase pescar os xoves na modalidade de pesca sen morte.

 

En relación coas horas, só se poderá practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saía do sol e unha hora despois da posta. As horas serán as establecidas a páxina web de MeteoGalicia.

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: