O Festiclown Palestina adíase pola situación inestable do Líbano
O atentado contra o ex-ministro Mohamed Chatha e unha previsible escalada de violencia na zona fan que o Festiclown Palestina no Líbano se adíe ata datas aínda por confirmar. Iván Prado, director do evento, organizado por Pallasos en Rebeldía e Culturactiva, asegura que “agora, máis que nunca, cómpre apoiar os refuxiados palestinos, pois atópanse nunha situación de extrema vulnerabilidade, pero, ao mesmo tempo, hai que velar pola seguridade dos artistas participantes”.
O Festival Internacional de circo, clown e risoterapia, Festiclown 2014, cuxa celebración estaba prevista entre o 12 e o 19 de xaneiro do 2014 en distintos campamentos de poboación refuxiada palestina no Líbano, aprazarase a datas que están aínda por confirmar. Os motivos desta decisión, expresada polo seu director, Iván Prado, son o atentado que acabou coa vida do ex-ministro libanés Mohamed Chatha e a previsible escalada de violencia sobre o terreo. “Debemos velar pola seguridade dos artistas participantes no evento”, asegura Prado. A decisión foi tomada tras ter en conta as opinións das distintas organizacións palestinas e libanesas que formaban parte da organización do festival.
Con todo, o Festiclown celebrarase no ano 2014 nos campamentos de poboación refuxiada do Líbano. “Agora, máis que nunca, cómpre apoiar a esta poboación palestina, vítima da ocupación ilegal do seu territorio por parte do estado de Israel e dun sistema de apartheid en pleno século XXI”, engadiu o director do festival. Por iso, Prado asegurou que xa se están barallando novas datas para a celebración do evento. Desta maneira, o equipo do Festiclown 2014 quere mostrar a súa solidariedade co pobo palestino, achegándolle o circo, o clown e a risoterapia como forma de loita ante o esquecemento que a comunidade internacional mantén con este pobo.
O Festiclown 2014 estaba previsto celebrarse do 12 ao 19 de xaneiro nos campamentos de refuxados de Nahr Al-Bared, Baddawi (Trípoli), Bourj Al-Barajneh, Shatila (Beirut) o Ein Al-Hilweh (Saida), así como nalgunhas cidades libanesas. Xa confirmaran a súa participación artistas como o propio Iván Prado, Kanbahiota Trup, Ricky Tenis (Cía. La Mano Jueves), Kanadagama, Fuman, Marcelo González, Traço Cia. de Teatro e o mago Dani García. Tamén o apoiaran outros como Leo Bassi, Patch Adams, Pepe Viyuela, Sergi López, Elliot, Circ Bover, Kanbahiota, Jorge Blass, Peter Punk, Os 7 Magníficos + 1, Amparo Sánchez (Amparanoia), Tristán Ulloa ou Jango Edwards.
Con este festival, os seus organizadores, Pallasos en Rebeldía e Culturactiva, pretendían continuar co traballo realizado noutros lugares do planeta en conflito, por exemplo, nos campamentos de poboación refuxiada saharauí de Tinduf (Alxeria) ou nas comunidades indíxenas de Chiapas (México). Nesta liña, xa en 2011, celebraron un festival en Cisxordania, no que participaron un total de 40 artistas, con máis de 100 actuacións e 100.000 participantes. Desta maneira, queda posposto este festival solidario de clown que “trata de paliar as consecuencias psicolóxicas dun conflito interminable e o seu consecuente éxodo ademais de fomentar, xunto as contrapartes locais, as artes circenses, o clown e a risoterapia entre a poboación refuxiada, fundamentalmente nenos e novos, como unha alternativa psicolóxica e social á situación de conflito na que viven”.