A XUNTA CONVOCA A NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA LINGUA DE NAMORAR PARA FOMENTAR O USO DO GALEGO ENTRE OS MOZOS E MOZAS

  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentaron hoxe esta iniciativa
  • Este concurso en liña de mensaxes de amor está dirixido á mocidade de entre 14 e 35 anos
  • A data límite para participar é o 23 de febreiro
  • Para elixir aos gañadores valorarase a elaboración da proposta, a súa orixinalidade e a calidade da lingua empregada

Santiago, 3 de febreiro de 2014.- As consellerías de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria e de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, veñen de convocar a nova edición do certame Lingua de namorar que busca fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas, especialmente en momentos de lecer.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentaron hoxe en rolda de prensa esta iniciativa, que consiste nun concurso en liña de mensaxes de amor.

O obxectivo deste concurso é dinamizar o uso da lingua galega nas relacións persoais e nas tecnoloxías da información, nomeadamente en internet e a mensaxería instantánea.

Poderán participar no programa persoas que teñan unha idade comprendida entre os 14 e os 35 anos. Haberá dúas categorías: de 14 a 19; e de 20 a 35.

En canto ás mensaxes, deberán estar escritas en galego e poderán redactarse en prosa ou verso. A súa extensión máxima será de 350 carácteres, incluídos os espazos en brancos. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

 

Para poder enviar as mensaxes, será preciso rexistrarse na web do concurso http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e cubrir o formulario de inscrición. Todas serán publicadas na páxina do concurso e estarán identificadas polo título e máis polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as declaracións será o 23 de febreiro.

 

A partir do 24 de febreiro, e ata o 28, abrirase un período para votar (os usuarios que queiran votar deberán rexistrarse na web). Un xurado elixirá aos gañadores entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes escollidas –que se farán públicas o 10 de marzo na páxina web-  serán as únicas que se identifiquen co nome e apelidos dos autores e autoras.

 

Establécense tres premios por categoría. Para aqueles mozos e mozas de entre 14 e 19 anos, serán os seguintes: unha Playstation 4 500 XB para o primeiro; unha mesa de mesturas de DJ para o segundo; e un mp3 acuático. Pola súa banda, na segunda categoría (de 20 a 35 anos), os gañadores poderán conseguir: unha cámara Canon réflex dixital para o primeiro clasificado; un GPS de montañismo para o segundo; e un mp3 acuático para o terceiro. Nesta última categoría, todos os premios irán acompañados a maiores por unha actividade de aventura para dúas persoas.

 

Rodeiro destacou a relevancia desta iniciativa, e sinalou que a Lei de Xuventude de Galicia, aprobada na pasada lexislatura, establece a promoción da lingua galega como un eixo prioritario da acción de Goberno. Recordou, ademais, que o Plan estratéxico de xuventude de Galicia 2014-2016 contará con 11 medidas para fomentar o uso do galego nos distintos ámbitos sociais.

 

Pola súa banda, o responsable de Política Lingüística recordou que o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega recolle entre os seus obxectivos o de impulsar o uso do idioma propio de Galicia entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.

 

“Facemos coincidir o inicio desta segunda edición de Lingua de namorar coa celebración da Candeloria, que foi onte, unha data especial para poñer en valor o galego como lingua de namorar, lingua do amor, das relacións persoais e dos afectos”, explicou o secretario xeral, quen rematou destacando que “coa posta en marcha da iniciativa se busca tamén aproveitar as oportunidades de promoción do galego e de participación que ofrece a web 2.0 para estimular a interactuación en galego da xente nova”. Xa que “as linguas asociadas á creatividade, á vangarda e ás maneiras de comunicación que posibilitan as TIC son as que collen o tren do futuro”.

About Vgomagazine

Revista Online.

One response to “A XUNTA CONVOCA A NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA LINGUA DE NAMORAR PARA FOMENTAR O USO DO GALEGO ENTRE OS MOZOS E MOZAS”

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: